Música en Compostela entregou á USC o seu Diploma e Medalla de Honra
O reitor Juan Viaño recolleu este xoves 13 o Diploma e Medalla de Honra que os cursos Música en Compostela lle outorgaron á USC en recoñecemento ao apoio prestado a este curso internacional de música ao longo da súa historia. Viaño lembrou que “dende a creación de Música en Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela vén colaborando con agarimo na súa organización axudando a convertelo nun dos máis importantes cursos universitarios internacionais que existen de música española”. O reitor expresou o “sinceiro agradecemento da USC por este agarimoso recoñecemento que o que fai é constatar unha dilatada traxectoria de amable colaboración”. O acto de entrega celebrouse no transcurso do concerto que alumnado da convocatoria 2015 ofreceu na Igrexa de San Paio de Antealtares. Este ano, Música en Compostela celebra a súa edición número 58 mantendo o seu obxectivo de difundir en todos os países do mundo a música española.