Ir o contido principal

Nace genome4care, unha nova spin-off que combinará xenómica e intelixencia artificial

O seu obxectivo é atopar marcadores xenómicos para explicar a aparición de enfermidades con base total ou parcialmente xenética
O seu obxectivo é atopar marcadores xenómicos para explicar a aparición de enfermidades con base total ou parcialmente xenética
Esta empresa de base tecnolóxica desenvolve ferramentas diagnósticas para doentes con enfermidades raras ou oncolóxicos
Santiago de Compostela

Genome4Care, nova spin-off que xorde da actividade investigadora da USC, utiliza a xenómica e a intelixencia artificial, esenciais para a medicina do futuro, coa intención de acelerar diagnósticos de doenzas raras e establecer as sinaturas moleculares do tumor en doentes con cancro. O seu obxectivo é atopar marcadores xenómicos para explicar a aparición de enfermidades con base total ou parcialmente xenética.

Isto ten implicacións máis alá do diagnóstico destas enfermidades, por exemplo á hora de establecer o prognóstico, dar tratamentos precoces, preventivos e personalizados e favorecer un asesoramento xenético axeitado para as familias. No caso do cancro, a sinatura molecular do tumor determina en moitos casos o tratamento identificando novos targets terapéuticos, facendo posible unha terapia personalizada e optimizada.

Os socios deste novo proxecto son, ademais da propia Universidade, José Castro Tubío, responsable de I+D para oncoloxía e investigador da USC na vangarda da xenómica do cancro; Aurelio Berna, experto en bioinformática e intelixencia artificial; Manuel Fondevila experto en xenética forense e para a identificación; e Ana F. Marmiesse, especialista en xenética humana e directora de operacións e desenvolvemento de produto.

Todos eles son especialistas en buscar cambios de todo tipo no xenoma humano que expliquen a aparición de enfermidades de base xenética. Para iso baséanse no bo uso da tecnoloxía de secuenciación masiva de segunda e terceira xeración, e sobre todo en ferramentas bioinformáticas e intelixencia artificial para a transformación e interpretación de datos, isto é, big data.

Genome4Care forma parte de BioIncubatech, a primeira bioincubadora de Galicia e a a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación Incyde na súa convocatoria 2018 de “Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes” (Fondos FEDER), e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2020.