Nace o máster oficial en planificación e xestión do desenvolvemento territorial
A Universidade de Santiago pon en marcha no curso 2013-2014 o Máster oficial en Planificación e xestión do desenvolvemento territorial que, con perfil profesional e investigador, coordina o profesor Carlos Ferrás. O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata o 4 de setembro. O posgrao desenvólvese dende o Departamento de Xeografía da USC, que ocupa o sétimo lugar no Ránking I-UGR dos 38 departamentos de Xeografía e Urbanismo que existen nas universidades españolas, e diríxese principalmente a titulados/as en Xeografía, Ordenación do territorio, Arquitectura, Economía, Ciencias ambientais, Socioloxía, Antropoloxía, Enxeñaría e calquera título vinculado á planificación e xestión territorial e urbanística. Ademais do seu carácter marcadamente interdisciplinar, o posgrao conta entre os seus atractivos dispor de cincuenta empresas e institucións a escoller polo alumnado para realizar as prácticas, posibilidades de matrícula a tempo parcial e o acceso a programas de intercambio e mobilidade Erasmus para estadías de investigación e a programas de mobilidade bilateral da USC con universidades de Europa, Estados Unidos, Latinoamérica e Asia.
Entre os seus posibles ámbitos de traballo este título ofrece a posibilidade de desempeñar funcións nas distintas administracións públicas ou en consultarías ambientais, en xestión territorial, con sistemas de información xeográfica e teledetección aplicados á planificación ou xestión do territorio ou en sistemas de información turística.