Ir o contido principal

Nace o selo de calidade para coleccións científicas publicadas por editoriais universitarias

Nace o selo de calidade para coleccións científicas publicadas por editoriais universitarias
Nace o selo de calidade para coleccións científicas publicadas por editoriais universitarias
Foi deseñado pola Universidade de Santiago e colaboración coa de Zaragoza

“Marcará un antes e un despois na historia contemporánea da edición universitaria española". Así valora o director de Publicacións da USC e vogal da xunta directiva da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE), Juan L. Blanco, o anuncio da posta en marcha do selo de calidade para coleccións científicas publicadas por esas editoriais promovido pola propia UNE e avalado por ANECA e FECYT. "Trátase dun proxecto complexo no seu desenvolvemento, hoxe feito realidade e chamado, en definitiva, a poñer en valor a edición universitaria perante as axencias de acreditación, que, de feito, avalan o selo”, afirma Blanco, que agarda que constitúa tamén un estímulo “para que os autores universitarios confíen cada vez máis nas prensas da súa universidade, conxurando dunha vez por todas a falacia de que só as editoriais privadas son editoriais de prestixio". A posta en marcha desta acreditación materializouse nun convenio que asinaron este mércores en Madrid os directores da ANECA e da FECYT, Miguel Ángel Galindo Martín e José Ignacio Fernández Vera, respectivamente, e o presidente da UNE, Lluís Pastor. No acto presentouse ademais a imaxe que identificará este selo de calidade científica –que inclúe no seu nome e logotipo a denominación en español e inglés da acreditación: CEA-APQ (Calidade en Edición Académica – Academic Publishing Quality)– e que foi deseñado pola USC coa colaboración da Universidade de Zaragoza. Nos vindeiros meses estableceranse os requisitos concretos da avaliación, desenvolverase a plataforma dixital a través da que se levará a cabo a xestión íntegra da convocatoria do selo e realizarase a primeira delas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.09.2015.