Ir o contido principal

Nace WISE, un congreso para impulsar medidas urxentes que freen a perda de mulleres académicas na Ecoloxía

A celebración deste congreso internacional é unha aposta pola igualdade de xénero na academia
A celebración deste congreso internacional é unha aposta pola igualdade de xénero na academia
Women In Science-Ecology contará entre o 4 e o 6 de novembro con relatorios de ecólogas a nivel internacional para abordar o acoso, a maternidade e o liderado feminino

O congreso internacional  WISE,  Women  In  Science-Ecology, desenvolverase en liña do 4 ao 6 de novembro para xerar un espazo de diálogo no que detectar medidas e accións urxentes a implantar nas diferentes sociedades ecolóxicas para “reverter a situación actual”, tal e como explican dende a organización. Este proxecto nace á luz de “datos alarmantes nos que se constata o patrón de perda de mulleres a medida que se ascende na carreira profesional”, mentres que a taxa de homes dispárase en postos fixos e de responsabilidade. “Unha tendencia que non mellora desde 2008 se non que vai a peor, e que se repite a nivel mundial, independentemente do país ou da institución científica”, apuntan. O rexistro pode efectuarse nesta ligazón.

Esta situación “non se debe a que as mulleres carezan de ambición profesional, nin de orixinalidade científica”, explica a profesora da USC, Mar Sobral, unha das organizadoras do congreso, “senón a que as medidas para acabar con esta diferenza estrutural inxusta son claramente ineficientes e/ou inexistentes”.

WISE contará cos relatorios de 24 mulleres relacionadas co mundo académico que se atopan en diferentes fases da súa carreira profesional, coa intención de analizar, dende a súa experiencia, sobre as diversas causas que deteñen ou dificultan as carreiras das mulleres en Ecoloxía, tales como a invisibilidade, a desigualdade nos coidados e a conciliación familiar ou o acoso. “É a primeira vez que se celebra un congreso sobre estas temáticas, xa que existen outras experiencias centradas no ámbito da investigación sobre igualdade e non dende o punto de vista persoal de científicas expertas noutros ámbitos e que falan da necesidade de igualdade”, explica Sara Varela integrante do Comité organizador. 

A celebración deste congreso internacional é unha aposta pola igualdade de xénero na academia, impulsada dende o comité de igualdade da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) xunto co grupo de investigación ECOPAST da USC, a UVigo, o  Museum  für Naturkunde de Berlín, EU- Horizon2020, a  European  Association  of  Vertebrate  Paleontologists e  Transmitting  Science. No evento participarán sociedades ecolóxicas europeas como a  Ecological  Society  of  Germany, Austria,  and  Switzerland (GfÖ), a  Sociedade Portuguesa de  Ecologia, a  British  Ecological  Society, ou a  European  Association of  Vertebrate Palaeontologists ( EAVP).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2020.