Nace o xardín literario da Escola Infantil Breogán

O proxecto de crear un pequeno xardín literario na Escola Infantil Breogán coa vontade de render tributo a figuras senlleiras das letras como é o caso de Rosalía de Castro, Lorca ou Valle-Inclán deu este martes 14 o seu primeiro paso. Alumnado e persoal do centro plantaron unha camelia doada polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, grazas á mediación da profesora da USC e escritora, María do Cebreiro Rábade Villar. “A idea de pór en marcha un pequeno xardín literario xurdiu da poeta María do Cebreiro, nai usuaria desta escola. Comentoumo e pareceume xenial. Entendo que é unha maneira de conectar a infancia coa contorna natural e coa cultura”, explica a directora da Escola, Luz González Vázquez.
“Para darlle forma pensamos en tres figuras literarias de referencia como poden ser Rosalía de Castro, Lorca ou Valle-Inclán e vincular, cada unha delas, cunha planta ou árbore específica”, engade. Xusto antes de saír ao xardín, o persoal do centro recitou, xunto á cativada, algúns dos poemas rosalianos máis emblemáticos. A continuación, os nenos e nenas participaron na plantación dunha camelia da variedade ‘Rosalía de Castro’ xa preparada con todos os rexistros botánicos e fitosanitarios esixidos para ser plantada. Xunto a ela, enterrouse unha “caixa do tempo” cos datos máis relevantes da especie.
“Neste espazo lúdico e pedagóxico que é a escola da Universidade os nenos e nenas participan na plantación das árbores, na recollida das flores, escoitan e recitan poesías e son quen de relacionalas cos diversos autores. Participan, deste xeito, de todo un proceso tanto natural como cultural”, continúa a relatar a directora da Escola. “A idea tamén é que a silueta dos tres escritores aparecese debuxada nun gran mural no xardín acompañada con algunhas poesías das máis coñecidas”, engade.
Conciliación
O servizo da Escola Infantil Breogán está destinado a familias con vinculación á USC. Estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos poden solicitar unha praza neste centro de atención á infancia de 0 a 3 anos de idade, no marco das accións de responsabilidade social da USC ligadas ao compromiso institucional con políticas activas de conciliación da vida laboral e familiar da comunidade universitaria. A súa orixe remóntase ao ano 1978 por iniciativa dun grupo de pais e nais, profesorado, estudantes e PAS da USC.