Narf presenta o seu novo traballo este xoves en Veterinaria dentro do ciclo Lubicán do Convenio Lugo Cultural
O grupo Narf ofrecerá este xoves 24 un concerto ás 21:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria dentro do ciclo Lubicán, integrado dentro da programación do Convenio Lugo Cultural, no que están integradas a USC, o Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.
Trátase do cuarto concerto que celebra este ciclo no 2008 e mantén a súa cita cada cuarto xoves de mes para ofrecer ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
Fran Pérez, artista relacionado dende hai moitos anos co mundo da cultura teatral e musical, creou Narf no 2004, un proxecto que rompe as barreiras e convértese nunha das aventuras musicais máis interesantes da última década en Galicia. Tras unha actividade frenética dende ese ano, actúa mañá en Lugo para presentar o seu novo traballo, ‘Totem’, un álbum que nace de viaxes emocionais, que vén cheo de influenzas árabes, flamencas, brasileiras, africanas, en definitiva, melodías pop que lle dan forma a sons de todo o mundo.
Os concertos do ciclo Lubicán continuarán o 22 de maio coa actuación de Ú-lo Trío? na Escola de Formación do Profesorado.