Ir o contido principal

Neoker SL, spin-off da USC, inaugurou as súas instalacións no Novo Milladoiro

Os promotores de Neoker SL estiveron arropados na inauguración por numerosos amigos e compañeiros
Os promotores de Neoker SL estiveron arropados na inauguración por numerosos amigos e compañeiros
A empresa xurdida na institución compostelá é actualmente o único produtor mundial de whiskers de alúmina

A empresa Neoker, S.L., spin-off do Instituto de Cerámica de Galicia da USC, inaugurou oficialmente as súas instalacións no Polígono Industrial Novo Milladoiro nun acto ao que asistiron o reitor compostelán, Senén Barro, os directores xerais de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia e de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Rogelio Conde-Pumpido e Salustiano Mato; o alcalde de Ames, Carlos Fernández; o director xeral do IGAPE; Álvaro Álvarez-Blázquez; e o conselleiro delegado de Unirisco, Uninvest e director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández.
Neoker, S.L. iniciou recentemente a produción industrial dun material cerámico en forma de fibra cuxas características permiten a fabricación de composites avanzados con características melloradas. Son fibras monocristalinas de alúmina, moi resistentes tanto pola súa dureza e resistencia en tracción como pola súa estabilidade térmica e química. Así, levouse a cabo o escalado industrial dunha tecnoloxía desenvolvida no Instituto de Cerámica de Galicia no ámbito da USC ao longo de máis de dez anos polos propios promotores de Neoker, Carmen Cerecedo, Francisco Guitián, Jesús Piñeiro e Víctor Valcárcel.
O proxecto industrialEstes científicos da USC viñan madurando dende hai anos o proxecto industrial debido ao enorme potencial económico do produto. En 2003 presentárono á convocatoria de premios para proxectos de base tecnolóxica, que recibiu o primeiro premio na fase de Ideas do III Concurso de Iniciativas Empresariais organizado pola USC e Uniemprende.
En 2004 o proxecto recibiu o apoio do programa Empresa-Concepto, que axudou a definir as necesidades e os retos específicos, e de Uninova, encargada da incubación de empresas nacidas na USC. Xa a finais de 2006 ao grupo de promotores iniciais uníronse Unirisco e Uninvest, entidades de Capital Risco, que se converteron en socios de Neoker.
Neoker recibiu en 2007 o Primeiro Premio Nacional á Innovación, na área de Tecnoloxía Industrial e dos Materiais, concedido por ENISA (Empresa Nacional de Innovación), en ocasión do seu 25 aniversario.
Catro patentesOs procedementos da empresa están protexidos baixo catro patentes, tres nacionais e unha internacional. Na actualidade, a USC concedeulle a Neoker a licenza de explotación e transferencia de tecnoloxía, tempo durante o que lle abonará á USC un importe equivalente ao 7% das ventas netas anuais dos produtos ou servizos derivados desas patentes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2009.