Neutron Insights, spin-off do IGFAE, recoñecida coa mellor iniciativa innovadora no V Premio Cámara de Comercio-Ence

A spin-off Neutron Insights, nacida ao abeiro da investigación e innovación desenvolvidas no IGFAE, recibiu este mércores o recoñecemento do seu proxecto CORNEA á mellor iniciativa empresarial no ámbito da innovación para o sector forestal, no marco do V Premio Cámara de Comercio-Ence, que se celebrou no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra.
Na mesma entrega de premios recoñeceuse tamén como mellor TFM o traballo Manual para directores técnicos de extinción en la gestión de emergencias por incendio forestal de Óscar Queipo, do Campus Terra da USC, e o accésit nesta categoría a Carlos Peco, tamén da USC, por Empleo e programación no lineal para la planificación forestal multiobjetivo en el monte vecinal en mano común de Argán de Moncelos (Abadín, Lugo). Finalmente, a estudante da USC Carlota García fíxose co accésit na modalidade de TFG co traballo Evaluación de diferentes metodologías de inventario forestal en la estimación de variables fundamentales de rodal.
Mellor iniciativa
O Proxecto CORNEA (Cosmic Ray NEutrons for Agriculture) desenvolve un sistema de medida da humidade dos solos a través de raios cósmicos, o que ten un importante potencial en aplicacións agrícolas e forestais. Tal e como destaca o cofundador e CEO de Neutron Insights, Pablo Cabanelas, o proxecto “desenvolve unha solución orientada a mellorar a xestión integral da auga no sector agrícola e forestal a través dun sensor de neutróns cósmicos para a medición precisa e non invasiva da humidade e outros compoñentes do solo”.
Na súa intervención en Pontevedra, Cabanelas salientou que o sistema CORNEA, actualmente nas súas fases finais de produción, constitúe un claro exemplo de como o coñecemento xerado durante anos no ámbito académico “pode e debe ser transferido ao tecido industrial e empresarial, xerando un importante retorno económico”. Así mesmo, puxo en valor a aposta da Cámara de Comercio e de ENCE por iniciativas como esta, que promoven a innovación e fomentan o espírito emprendedor.
A base sobre o que se asenta o ‘know-how’ de Neutron Insights é a experiencia en instrumentación en física nuclear e de partículas e as súas aplicacións, desenvolvidas nos últimos lustros nos laboratorios no IGFAE. Partindo deste labor, a spin-off aborda retos para diversos sectores industriais, con tecnoloxías de inspección e ensaios non destrutivos de alta precisión en materiais, sistemas de detección temperá de focos de ignición (para incendios forestais, industriais ou de vixilancia de infraestruturas), ou no desenvolvemento de sensores de humidade dos solos en tempo real a partir da detección de neutróns cósmicos, como é o caso do proxecto CORNEA.
Este novo premio súmase a outros recoñecementos acadados polo equipo de Neutron Insights, como o Premio GCiencia Galicia Spin-Off na categoría de Idea Emerxente ou a selección no programa da aceleradora ViaGalicia. Nos seus inicios, o proxecto recibiu tamén o apoio do programa Argos da USC, o que supuxo un importante pulo.
