O Nobel de Física pioneiro en métodos para arrefriar átomos con láser visita Santiago

O Premio Nobel de Física Claude Cohen-Tannoudji, pioneiro en métodos de arrefriamento de átomos con feixes de láser, inicia esta semana a edición de 2015 do Programa ConCiencia de divulgación científica que dirixe o profesor da USC Jorge Mira. O físico francés de orixe alxeriana –que esta mañá foi recibido polo reitor no seu despacho, onde asinou no Libro de Honra da universidade– manterá este xoves 28 ás 11.30 horas na Aula Magna de Física unha xuntanza con investigadores do eido da fotónica e o láser e ás 19.30 horas pronunciará no Auditorio Abanca unha conferencia aberta ao público en xeral sobre a manipulación de átomos con luz. Cohen-Tannoudji mantivo este mércores un encontro cos medios de comunicación que comezou recoñecendo o papel fundamental de Albert Einstein na comprensión básica da luz. “Introduciu os conceptos de fotón e de emisión estimulada, que é a base do láser, e foi tamén quen descubriu que a luz ten un momento, unha idea usada nos últimos anos para intentar parar os átomos e reducir a súa temperatura, un campo novo e moi prometedor, por exemplo, para elaborar reloxos ultraprecisos. Esa ultraprecisión, matizou, “pode servir para realizar continuos test da Teoría Xeral da Relatividade que axudan a unha mellora das medicións e, como resultado, a unha maior efectividade na aplicación da tecnoloxía”. Precisamente o profesor do Collège de France e Laboratoire Kastler Brossel da École Normale Supérieure (Francia) recibiu en 1997 o Premio Nobel "polo desenvolvemento de métodos para arrefriar e atrapar átomos con luz láser". El foi un dos primeiros en propoñer o bombardeo de átomos con luz coherente para desaceleralos. Seguindo estas propostas, en 1985 Steven Chu arrefriou un feixe de átomos a unha temperatura de 240 millonésimas de Kelvin por riba do cero absoluto, o que supoñía unha velocidade dos átomos de 0,5 km/h. En 1988 William D. Phillips acadaba unha temperatura de 40 millonésimas de grao por riba do cero absoluto. En 1995, Cohen-Tannoudji rebaixou a temperatura ata 0,2 millonésimas de grao por riba do cero absoluto. As técnicas desenvolvidas por el, Phillips e Chu foron esenciais para manipular e controlar átomos, o que permitiu dende entón á comunidade científica facer progresos en moitas tecnoloxías. O exemplo máis destacado son os reloxos atómicos, tanto máis precisos canto maior sexa o control sobre os átomos usados para medir o tempo, que axudaron a mellorar a navegación espacial e os sistemas GPS, entre outros avances. O Nobel de Física pechaba o encontro cos medios salientando a “extrema importancia” que ten a formación dos máis novos para o éxito da ciencia. “Estimulalos vocacionalmente para aprender, fomentar o seu entusiasmo é clave para manter a ciencia”, dixo. Claude Cohen-Tannoudji, nun instante do encontro cos medios de comunicación. Foto: Santi Alvite Claude Cohen-Tannoudji impartirá unha conferencia este xoves sobre a manipulación de átopmos con luz. Foto: Santi Alvite O reitor Juan Viaño recibiu ao Nobel no despacho reitoral. Foto: Santi Alvite



