O Nobel da Paz, Mohamed ElBaradei, visitará a USC o vindeiro mes de setembro

Mohamed ElBaradei, Premio Nobel da Paz 2005, achegarase a Compostela a finais de setembro para recoller o XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia (http://www.usc.es/es/goberno/vrrelins/portal_internacional/grupo_compos…) que lle foi outorgado o pasado mes de marzo polas universidades deste grupo e a Xunta de Galicia e para participar no Programa ConCiencia de divulgación científica que organizan a USC e o Consorcio de Santiago.
Premio Compostela
Segundo o xurado, con este Premio, concedido por unanimidade, trátase de recoñecer o traballo de Mohamed ElBaradei ao longo da súa carreira diplomática a cargo de diversos asuntos de índole política, legal e de defensa da paz. O premiado destaca tamén pola súa loita a favor dun uso racional da enerxía nuclear, nun entorno pacífico e da forma más segura posible.
Os días 20 e 21 de setembro o Grupo Compostela de Universidades celebrará en Santiago o seu XVI Consello Xeral, cunha reunión do Comité Executivo, un Seminario, a reunión do Pleno e o acto solemne de entrega do Premio anual. Os actos contarán coa presenza do reitor, Juan Casares, e do presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen.
ConCiencia
O Nobel Mohamed ElBaradei participará o mesmo luns día 20 nunha roda de prensa e en dúas recepcións oficiais, a primeira do reitor, no pazo de San Xerome, e a segunda do alcalde, no pazo de Raxoi, ás 12:30 e ás 13:00 horas, respectivamente. Despois, ás 18:30 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, no marco do programa Conciencia que dirixe o profesor Jorge Mira e que está organizado conxuntamente pola USC e o Consorcio da Cidade de Santiago, pronunciará unha conferencia sobre o futuro da enerxía nuclear. A entrada a esta conferencia será libre e a organización instalará tradución simultánea para o seu seguimento máis cómodo.
Xa pola noite, a partir das 20:30 horas, terá lugar a cerimonia oficial de entrega do XIV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia.
Mohamed ElBaradei
ElBaradei é licenciado en Dereito pola Universidade do Cairo e doutor na mesma materia pola New York School of Law. Ao longo da súa carreira destacan os seus postos diplomáticos en diversos Ministerios e Organizacións Internacionais. En 1984, ElBaradei converteuse en membro da Secretaría da Axencia Internacional da Enerxía Atómica (AIEA), exercendo primeiro como asesor legal e máis tarde como Asistente Director Xeral para as relacións externas. É tamén membro da Asociación de Dereito Internacional e da Sociedade Americana de Dereito Internacional.
Foi, de 1997 a 2009, director xeral da AIEA. Durante os seus mandatos, un total de tres, ElBaradei xogou un papel clave na intermediación e inspección de armas de destrución masiva en Iraq e no control do armamento nuclear de Irán. Por esa razón en 2005 a academia sueca concedeulle o Premio Nobel, que premiaba así "os seus esforzos para evitar que a enerxía nuclear sexa usada con fins militares e asegurarse de que a enerxía nuclear con fins pacíficos sexa usada na maneira máis segura posible".
Os premiados
Na anterior edición o premiado foi ao escritor e xornalista libanés Amin Maalouf, cuxa obra está marcada polas experiencias da guerra civil e a inmigración. En ocasións anteriores o Premio foille concedido a Jacques Santer, ex presidente da Comisión Europea; Václav Havel, presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling; o escritor neerlandés Cees Nooteboom; a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte; o arquitecto portugués Álvaro Siza; o investigador e catedrático da USC, Manuel Díaz y Díaz; o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler; o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski; o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia; o investigador Manuel Castells e Canal Arte, que nace en 1991 por iniciativa de las cadeas públicas de televisión de Francia e Alemaña.