Ir o contido principal

O Nobel de Química en 1996, Harold Walter Kroto, visita esta semana a USC

Descubriu unha forma nova de carbono con estrutura esférica que impulsou o desenvolvemento da nanociencia

O Nobel de Química en 1996, Harold W. Kroto, achégase esta semana a Compostela para participar no V Programa ConCiencia que organizan a USC e o Consorcio de Santiago, esta vez co apoio de Xacobeo 2010.
Harold Walter Kroto (Inglaterra, 1939) recibiu en 1996 o Nobel de Química -xunto con Robert Curl Jr. e Richard Smalley- polo descubrimento dos fullerenos, unha forma nova de carbono con estrutura esférica que impulsou o desenvolvemento da nanociencia. O achado abriu todo un campo de posibles aplicacións na elaboración de novos tipos de polímeros, superconductores, estruturas con metais ou con outros átomos atrapados dentro destes agrupamentos de carbono, así como novos catalizadores, produtos farmacéuticos e posibles usos industriais. Todo isto podería concretarse no futuro, por exemplo, nun material cen veces máis duro que o aceiro pero seis veces menos pesado, en células solares moi baratas para captación de enerxía e incluso en supercomputadoras que poderían cargarse nun reloxo de pulseira.
O Nobel é tamén un activista na defensa dos dereitos humanos e polo medio ambiente, ademais de avogar nas súias comparecencias públicas por unha divulgación rigorosa da ciencia.
ProgramaLogo dun encontro cos medios de comunicación, Kroto reunirase con persoal investigador galego este mércores, 26 de maio, ás 12:30 horas no Centro de Estudos Avanzados.
O profesor Kroto, da Universidade Estatal de Florida (EE.UU.), ofrecerá este xoves 27, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), a conferencia Ciencia, sociedade e sustentabilidade’ que disporá de tradución simultánea e se poderá seguir por videoconferencia dende a Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2010.