Nona Inés Vilariño lembra a memoria das constituíntes nunha sesión celebrada na residencia Jesús Bal y Gay

A ex deputada pola provincia da Coruña e unha das 27 mulleres que desde o seu traballo parlamentario foron protagonistas na lexislatura constituínte de 1977, Nona Inés Vilariño Salgado, lembrou este martes na residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo a memoria de todas aquelas persoas que participaron de xeito máis ou menos directo no proceso de cambio cara a democracia e da defensa activa da igualdade entre mulleres e homes no marco dunha sesión aberta que comezou coa proxección do documental ‘ Las Constituyentes ’, tralo que se desenvolveu un animado coloquio entre o público presente.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, foi encargada de abrir este acto, dirixido á comunidade universitaria, aínda que aberta á participación da sociedade en xeral, no marco dun acto de presentación no que tamén interviñeron a directora da residencia ‘Bal y Gay’, Paula Vázquez Rodríguez; a coordinadora da Oficina de Igualdade e Xénero dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Eva Aguayo Lorenzo. O documental ‘As constituíntes’, dirixido por Oliva Acosta, centra a súa ollada na pegada deixada polas 27 mulleres deputadas e senadoras, que desde o seu traballo parlamentario na lexislatura constituínte de 1977, foron protagonistas da transición e do cambio político cara a democracia en España. A licenciada en Filosofía e Letras, que durante anos exerceu como profesora de Historia en ensino medio, Nona Inés Vilariño Salgado, foi unha das 27 protagonistas políticas directas do tránsito español cara a democracia. Membro do Partido Galego Independente nos albores da Transición, Vilariño Salgado incorporaríase logo á UCD, formación coa que resultaría elixida deputada por A Coruña na lexislatura constituínte (1977-1979). No seu paso polo Congreso dos Deputados, esta ex deputada coruñesa desenvolveu, entre outros cometidos e cargos, os de membro da Deputación Permanente do Congreso e vicepresidenta segunda da Comisión de Educación. Nona Inés Viariño conversa co público antes da proxección do documental 'Las Constituyentes' na 'Bal y Gay'