Ir o contido principal

As novas axudas para cofinanciar servizos de internet entre o alumnado poderán solicitarse ata o 19 de xuño

Polo de agora, a USC leva impulsado dúas convocatorias para cofinanciar servizos de internet. FOTO: Santi Alvite
Polo de agora, a USC leva impulsado dúas convocatorias para cofinanciar servizos de internet. FOTO: Santi Alvite
O período subvencionable abarcará o gasto realizado dende o 16 de maio, ata o 15 de xuño
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de aprobar a resolución reitoral na que se convocan novas axudas para cofinanciar servizos de internet entre o alumnado. A finalizade desta iniciativa é que os mozos e mozas poda acceder ao contido do Campus Virtual e demais ferramentas didácticas necesarias para a súa actividade académica e a correspondente avaliación. O período subvencionable abarcará o gasto realizado dende o 16 de maio, ata o 15 de xuño.

Os gastos subvencionables deberán corresponder a unha única liña que poderá ser fixa ou móbil, ou a un servizo de acceso a internet non asociado a unha liña telefónica. A axuda cofinanciará o 90% do gasto realizado pola persoa beneficiaria non podendo superar en total os 40 euros por persoa. A presentación de solicitudes farase a través da Sede Electrónica, empregando o formulario normalizado dirixido á Xerencia da USC, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 19 de xuño.

Terceira convocatoria

Polo de agora, a USC leva impulsado dúas convocatorias para cofinanciar servizos de internet entre o alumnado, que abrangueron os períodos comprendidos dende o 14 de marzo ao 15 de abril, e dende o 16 de abril ao 15 de maio. Tendo en conta que se superaron as 800 solicitudes nas dúas convocatorias e que o alumnado precisa manter a conexión a internet para a preparación e celebración das probas de avaliación, a Universidade acaba de dispoñer esta terceira quenda de axudas para a que se destina unha cantidade total de 60.000 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2020.