Novas datacións converten as pinturas rupestres de Cova Eirós no xacemento con arte máis antigo de Galicia

O desenvolvemento das datacións radiométricas mediante acelerador de masas nas últimas décadas está permitindo datar de xeito directo manifestacións pictóricas elaboradas con materiais orgánicos como o carbón vexetal. Precisamente con esta nova tecnoloxía o grupo de investigación formado por membros do GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela e do IPHES de Tarragona puido precisar en maior medida a datación das pinturas da Cova Eirós (Triacastela, Lugo), que sitúan cronoloxicamente hai 9.000 anos e que as converten no xacemento con arte máis antigo de Galicia.
Debido aos graves problemas de contaminación, no caso concreto das pinturas de Cova Eirós foi preciso recorrer a unha sofisticada variante técnica, a oxidación por plasma, para a que contaron coa dilatada experiencia de Karen Steelmann, da Universidade de Central Arkansas. As analíticas permitiron afirmar que as pinturas foron realizadas usando carbón vexetal como pigmento. Deste xeito, e malia a devandita problemática e a mala conservación das imaxes, “foi posible obter dúas datacións C-14 sobre outros tantos temas inseridos no Panel III da cova que, unha vez combinadas estatisticamente e tendo en conta as achegas de carbón moderno provocadas por un lume aceso canda ese sector da parede en época medieval, nos indican que ditas figuras foron executadas hai máis de 9.000 anos”, afirman os investigadores.
Estes resultados acaban de ser publicados no último número da prestixiosa revista Radiocarbon, a publicación de referencia internacional no ámbito das datacións mediante Carbono 14. O artigo xira arredor da cronoloxía absoluta da arte pintada en Cova Eirós (Triacastela), un xacemento no que este grupo investigador traballa dende 2008 e que nos últimos anos conta co apoio económico da Xunta de Galicia.
O máis antigo de Galicia
As datacións obtidas sobre un só dos 13 paneis decorados nesa caverna converten así este lugar no xacemento con arte máis antigo de Galicia xa que as pinturas megalíticas son 3.000 anos posteriores, como indican as datas AMS obtidas a través dun proxecto dirixido polo GEPN e que tamén contou coa colaboración de Steelman.
As informacións fornecidas en Cova Eirós polo Carbono 14 súmanse ás consideracións de tipo estilístico, que achegan polo menos unha parte do repertorio iconográfico alí detectado ao chamado Estilo V da arte paleolítica. Este período correspóndese aos momentos finais do Paleolítico e atópase ben representado noutros xacementos ao aire libre da Meseta española (Siega Verde) e do Norte de Portugal (Foz Côa), pero é moito máis escaso en covas (Cueva Palomera).
No marco da colaboración interdisciplinar cuxos resultados agora vén a luz, os traballos de datación directa da pintura en Cova Eirós van proseguir co fin de precisar, na medida do posible, o encadramento cronolóxico e a secuencia de execución das mostras artísticas documentadas neste xacemento cavernario único na prehistoria de Galicia.
Referencia:
Steelman, K., de Lombera Hermida, A., Viñas Vallverdú, R., Rodríguez-Álvarez, X. P., Carrera Ramírez, F., Rubio Mora, A. e Fábregas Valcarce, R. (2017)
“Cova Eirós: an integrated approach to dating the earliest known cave art in NW Iberia”. Radiocarbon vol. 59.1, páxs. 151-164.
Detalle dun dos motivos pintados coa localización da mostra datada (recadro verde). Á dereita, calco da pintura datada (en negro) e a figura zoomorfa esquemática infraxacente (vermello) (GEPN-AAT/IPHES)