Ir o contido principal

Nove de cada dez persoas recomendan os cursos de verán do Centro de Linguas Modernas

O 96 por cento do alumnado matriculado nos cursos de verán do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) recomendan estes programas estivais. O interese polo contidos (69%) e a habilitación profesional (19,7%) son os dous principais motivos polos que as persoas consultas elixiron a oferta formativa de verán do CLM.

Nunha escala entre un mínimo de 1 e unha nota máxima de 5, os aspectos con mellor valoración foron o dominio da materia demostrada polos relatores (4,85), o ambiente (4,83) ou o cumprimento dos horarios (4,79) ou a utilidade da documentación entregada (4,63). O bloque da enquisa dedicado a valorar o desenvolvemento dos cursos obtén unha valoración media sempre por riba dos 4,40 puntos. Polo que respecta á organización xeral, a atención recibida do persoal da USC (4,51), os horarios de clase (4,18), o sistema de formalización de matrícula (4,17) ou as aulas e instalacións (4,16) foron as cuestións cunha mellor valoración.

O 65,6% das persoas que responderon á enquisa considéranse moi satisfeitas co seguimento dos cursos e o 26,1% bastante satisfeito. As porcentaxes son similares ao valorar o cumprimento das expectativas dos/as matriculados/as, cun 64,7% moi satisfeitos e un 24,8% bastante satisfeitos.

Segundo o informe de avaliación realizado por este servizo universitario, seis de cada dez persoas matriculadas eran mulleres, cunha proporción case parella entre alumnado universitario ou non, xa que catro de cada dez matriculados/as son alleos á comunidade universitaria. Máis da metade de matriculados/as tiñan entre 21 e 25 anos (38,2%) ou menos de 20 (21,7%). Os seguintes grupos de idade con maior presenza son os de quen ten entre 26 e 30 anos (14,7%) e entre 31 e 40 (13,4%). Nos tramos de 41 a 50 redúcese a 8,8%, no de 51-60 anos ao 2,8% e maiores de 61 o 0,5%. A través dun cuestionario autoadministrado, repartíronse un total de 218 cuestionarios cunha taxa de resposta do 91,6%.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.11.2015.