Ir o contido principal

A novena edición do máster en Dirección de Proxectos bota a andar este xoves na EPS do Campus Terra da USC

O máster en Dirección de Proxectos da USC bota a andar este xoves, a partir das 16.00 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica da USC, cunha sesión inaugural dun programa oficial de posgrao da USC que vai xa pola súa novena edición.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta García; o coordinador deste máster oficial, o tamén profesor Carlos Amiama Ares, e o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos Ramos, intervirán como relatores neste acto de benvida do alumado do posgrao. Estruturado en 60 créditos ECTS, o máster en Dirección de Proxectos da USC é un programa oficial de posgrao que xa conta cunha traxectoria consolidada e que segue a manter un alto grao de interese entre o estudantado estranxeiro. De feito, das 20 persoas matriculadas nesta edición do máster, cinco proceden de Brasil, Venezuela, Ecuador e Brasil. A maioría do alumnado correspóndese con enxeñeiros titulados no Sistema Universitario de Galicia, aínda que tamén hai tres inscritos que completaron a sú formación de grao en Alacante, Granada e Oviedo. O máster en Dirección de Proxectos da USC ten perfil profesional, pero tamén permite o acceso aos estudos de doutoramento de diferentes programas, e nomeadamente ao ‘Doutoramento en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural e Civil’ da USC. Trátase dun posgrao orientado a titulados que no desempeño da súa actividade profesional, descobren a necesidade de formarse na dirección de proxectos. Os seus contidos formativos abarcan as áreas de coñecemento recoñecidas polas dúas organizacións internacionais líderes neste campo: o Project Management Institute (PMI) e a International Project Management Association (IPMA).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2016.