Ir o contido principal

Os novos enfoques da dirección de proxectos, a debate nun foro impulsado por Aeipro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A xornada, de acceso libre e inscrición previa, será o 22 de marzo. Martínez Almela impartirá pola mañá un taller de competencias profesionais en dirección de proxectos

A Asociación Española de Dirección e Enxeñaría de Proxectos (Aeipro ) organiza en colaboración coa área de Proxectos de Enxeñaría da USC unha xornada técnica sobre dirección de proxectos, roles e perspectivas, un foro de que se desenvolverá o vindeiro venres 22 de marzo en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

A xornada, de acceso libre e de balde con previa inscrición, está dirixida a todos os profesionais da área de Project Management, enxeñeiros, empresas e autónomos que xestionan a organización e o desenvolvemento de proxectos, así como a futuros profesionais interesados na dirección de proxectos. O programa deste foro, sobre o que se pode atopar máis información na web, comezará cun acto de benvida a cargo da vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e do coordinador do Máster Oficial en Dirección de Proxectos da USC, Carlos Amiama Ares.

O presidente de International Project Management Association (IPMA), Jesús Martínez Almela, abrirá a quenda de relatorios desta xornada, a partir das 16.45 horas, cunha intervención na que afondará sobre a proxectización da sociedade. De seguido, o director internacional e de desenvolvemento de negocio de ICEACSA, Carlos Martínez Bustelo, ofrecerá un relatorio baixo o título ‘A xestión de proxectos como ferramenta no proceso de intgernacionalización de ICEACSA Consultores’. O xefe de área de Planificación Portuaria da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Guillermo Maciñeira, pechará a quenda de intervencións nesta xornada co relatorio ‘Organización e xestión dun gran proxecto de obra pública. O porto exterior da Coruña’. A segunda edición sobre esta xornada de debate promovida por Aeipro e en cuxa organización tamén colabora a Deputación Provincial de Lugo, rematará coa presentación de conclusións.

Taller sobre competencias profesionais en dirección de proxectos

O presidente de International Project Management Association (IPMA), Jesús Martínez Almela, aproveitará a súa estadía na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC para impartir, en quenda de 11. 00 a 13.00 horas, un taller de desenvolvemento de competencias profesionais en dirección de proxectos. Esta actividade formativa é de asistencia libre e de balde e está limitada á participación dun máximo de 20 persoas.

As persoas interesadas en participar nesta sesión sobre competencias profesionais en dirección de proxectos poden solicitar formalizar a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico carlos.amiama [at] usc.es (carlos[dot]amiama[at]usc[dot]es). Tamén se pode solicitar máis información a través do números de teléfono 982 823 264 e 677 947 797.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2019.