Ir o contido principal

Novos estudos avalan a complexidade das sociedades prehistóricas que usaban o cuarzo para elaborar as súas ferramentas

Puñal de folla de cristal de roca e mango de marfil de Montelirio (Sevilla). Crédito: M. A. Blanco; Grupo ATLAS, Universidade de Sevilla
Puñal de folla de cristal de roca e mango de marfil de Montelirio (Sevilla). Crédito: M. A. Blanco; Grupo ATLAS, Universidade de Sevilla
Estes achados recóllense nun volume monográfico da revista Quaternary International editado por investigadores da USC e do IPHES

Pese a ser un dos minerais con maior presenza na cortiza terrestre, o cuarzo foi considerado tradicionalmente polos arqueólogos como un recurso de escasa importancia, propio de sociedades arcaicas. En cambio, novos estudios, recollidos agora nun monográfico que publica a prestixiosa revista Quaternary International, demostran a complexidade económica, tecnolóxica, social e simbólica equiparable á de grupos que habitaban outros territorios onde o sílex era un material frecuente e ao que se lle deu máis valor. Estes resultados poden considerarse como unha proba evidente da flexibilidade e capacidade de adaptación das sociedades prehistóricas aos cambios e condicionantes dos diversos territorios.

O monográfico é froito do traballo de membros do GEPN-AAT (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico- Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da USC e do IPHES (Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social) sobre as industrias líticas en cuarzo da Prehistoria. O volume parte do XVII Congreso Internacional da Unión Internacional de Ciencias Prehistóricas e Protohistóricas de 2014 en Burgos.

Nova atención al cuarzo
Durante millóns de anos e ata a xeneralización da metalurxia hai apenas uns milenios, a fabricación de ferramentas líticas foi un aspecto fundamental da economía e tecnoloxía das sociedades prehistóricas. Por iso, o seu estudo é de enorme importancia para poder comprender e reconstruír sociedades pasadas.

Nese senso, a investigación centrouse tradicionalmente naquelas ferramentas realizadas en sílex (que, de feito, é un tipo de cuarzo), dado que esta roca presenta unha mellor calidade para a talla, o que facilita a fabricación de pezas máis complexas e mesmo máis atractivas esteticamente. Non obstante, naqueles territorios nos que o sílex é moi escaso, como Galicia ou o extremo Noreste da Península Ibérica, os grupos prehistóricos tiveron que recorrer a outros materiais, como o cuarzo.

A este mineral se lle prestara moi pouca atención, xa fose na súa variedade máis común, o cuarzo leitoso, ou na máis pura, o cristal de roca. Para os investigadores era un mero recurso de substitución, de mala calidade, e que non permitía obter a mesma estandarización morfolóxica das ferramentas que nos seus homólogos en sílex. Esta aproximación levou a quen nalgúns casos se tachasen de arcaicos os grupos prehistóricos que traballaban en cuarzo. Precisamente é nas rexións cunha maior presenza deste mineral, con Galicia en lugar destacado, onde se están desenvolvendo traballos cuxo obxectivo é revisar estas consideracións apriorísticas sobre o cuarzo.

O monográfico
O volume reúne 16 achegas de numerosos especialistas nacionais e internacionais coa fin de ofrecer un panorama o máis completo posible sobre o papel que o cuarzo xogaba nas sociedades prehistóricas desde un punto de vista económico, tecnolóxico, funcional e simbólico. Ademais, abarcan un amplo marco cronolóxico e espacial, ofrecéndose casos de estudo de diversas rexións do planeta e desde o Paleolítico Inferior ata a Idade do Bronce (Olduvai, Suecia, Nova Zelanda, Foz Côa, etc.).

Os traballos axudan a romper cos paradigmas tradicionais da disciplina, deixando claro o gran coñecemento que estes grupos prehistóricos tiñan sobre as características deste material e as posibilidades que lles ofrecía, chegando a desenvolver procesos de talla específicos que posibilitaron a obtención de pezas de indubidable valor estético e simbólico, como pode ser a daga en cristal de roca de Montelirio (Valencina de la Concepción, Sevilla).

Nestas obras o cuarzo móstrase, pois, como un recurso versátil. Así, ademais de mostrar propiedades mecánicas e funcionais equiparables ás doutros materiais de boa calidade, o cuarzo ten certas propiedades específicas (forma prismática, propiedades pezo-eléctricas...) que o dotaron dun valor simbólico e apotropaico para diferentes sociedades prehistóricas (como reflicte a presenza de prismas e cristais de roca en numerosos enxovais megalíticos ao logo da Fachada Atlántica Europea).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.02.2017.