Ir o contido principal

Os novos informes de U-Multirank e de SCimago volven salientar a produción investigadora da USC

Mentres o U-Multirank destaca a USC por docencia, investigación ou vocación internacional, o informe sobre produción científica de SCImago sitúa á USC na posición 27 do espazo iberoamericano e na 13...

Docencia, investigación ou orientación internacional son os eidos nos que a Universidade de Santiago de Compostela destaca na análise realizada polo U-Multirank, unha clasificación global de universidades que acaba de editar a súa segunda edición. A partir dun sistema de avaliación que oscila entre a máxima cualificación (1) e a máis baixa (5), o estudo sitúa á USC no seu conxunto no nivel 2 de entre máis de 1.200 institucións de ensino superior de 83 países ás que organiza atendendo aos seus resultados en ensino e aprendizaxe, investigación, transferencia de coñecemento, orientación internacional e compromiso rexional. Ademais, ofrece análises sectoriais a través de sete campos como son enxeñaría eléctrica e mecánica, estudos de negocios, física, psicoloxía, ciencias da computación e medicina. A Universidade de Santiago alcanzaría os seus mellores rexistros en publicacións de investigación, tanto en rexistros absolutos como no seu tamaño normalizado, como na ratio de graduados e graduadas en máster e graduados no prazo fixado; publicacións interdisciplinares; publicacións citadas nas patentes; ou publicacións conxuntas internacionais, campos nos que se atopa entre a máxima clasificación –moi bo- e a seguinte –bo-. Xunto estes rexistros atópase na media das institucións analizadas para temas como a ratio de citación, ingresos externos de investigación, publicacións máis citadas, patentes licenciadas ou mobilidade de estudantes, entre outras cuestións. Os datos recompilados nesta clasificación reúnen a información de 1.800 facultades e 7.500 programas docentes nos sete campos de estudos tratados. Os seus promotores sinalan a U-Multirank como o “ maior ránking universitario mundial” e estaría desenvolvido por un consorcio independente que lideran o Centre for Higher Education de Alemaña (CHE), o Center for High Education Policy Studies (CHEPS) e o Centre for Science and Technology Studies da Universidade de Leiden. Ademais, posúe financiamento da Comisión Europea que achega catro millóns de euros do programa Erasmus+ da Unión Europea para o período 2013-2017. O obxectivo de U-Multirank é propiciar un achegamento multidimensional para comparar os resultados das universidades a través un abano de actividades graduadas e clasificadas co obxecto de mostrar as fortalezas e debilidades das distintos institucións. SCImago De xeito simultáneo, o SCImago Research Group (SIR) acaba de publicar o seu informe anual para o espazo iberiamericano que sitúa á USC como a 27 dos países iberoamericanos e no posto 13 de entre as universidades españolas. Neste informe están recompilados os indicadores de 1.753 institucións de educación superior de Latinoamérica, España e Portugal, con polo menos un documento (artigos, revisións, cartas ou conferencias, entre outros) da base de datos Scopus no último ano do quinquenio dispoñible, neste caso para o período 2009-2013. Segundo este novo informe, a Universidade compostelá produciu 8.669 documentos, 668 máis que no anterior quinquenio, e incrementou a porcentaxe da súa produción científica desenvolvida en colaboración con investigadores de institucións estranxeiras ata o 42,66%, así como o impacto normalizado ata o 1,28% (o que significa que a institución é citada practicamente un 30% superior á media do mundo). Ademais o índice de publicacións de alta calidade elévase ata o 56,3%. O obxectivo deste informe é caracterizar os resultados de investigación das organización analizadas para proporcionar información cienciométrica útil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2015.