Ir o contido principal

Tres novos intérpretes levan a música ao Paraninfo da Universidade

A Facultade de Xeografía e Historia acolle este luns e martes senllos concertos de tuba, violín, clarinete e piano

A tuba, o violín, o clarinete e o piano son os instrumentos protagonistas dos concertos que este luns e martes terán lugar no Paraninfo da Universidade (sito na Facultade de Xeografía e Historia) dentro do ciclos Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza. As actuacións, promovidas polo colectivo musical en colaboración coa USC, comezan as 20:30 horas e a entrada é de balde. Na xornada deste luns 31, o vigués Ignacio Fernández Rodríguez, mestre de tuba no Conservatorio Superior de Música da Coruña, acompañado dun alumno seu neste centro, Manuel Varela Pereira, protagonizarán un inusual dúo de tubas, interpretando sonatas de Vivaldi e Mozart, entre outros. Pola súa banda, a violinista tinerfeña afincada en Santiago Lidia Patricia García ofrecerá aos asistentes obras de Bach en ,acompañada ao piano, por Simona Kantacheva o ‘Poème’ do francés Ernest Chausson. O programa de actuacións para esta semana, complétase con dous novos concertos este martes, 1 de febreiro. Un deles estará a cargo de Amelia Ónega Otero, novísima intérprete de Ames, de 14 anos, que actualmente cursa quinto de grao profesional no Conservatorio de Santiago, que interpretará un concerto para clarinete do autor alemán Carl Maria von Weber. O outro consistirá nun dúo de violín e piano formado por Nazaret Canosa e Rocío del Moral, que deleitarán aos asistentes coa ‘Sonata para violín e piano nº3’ do compositor noruegués Edvard Grieg. O Ciclo Novos Intérpretes, que vai xa pola súa décimo terceira edición, consta de doce concertos, que se celebrarán todos os luns e martes ata o vindeiro 28 de marzo. Un total de trinta e cinco novos músicos galegos e residentes en Galicia protagonizan o programa de actuacións, destinado a dar difusión aos novos talentos musicais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.01.2011.