Novos intérpretes rusos e galegos ofrecen o luns 22 un concerto na Casa do Saber de Lugo no IV Festival Peregrinos Musicais
O Festival Peregrinos Musicais, que na súa cuarta edición conta coa participación de doce novos intérpretes rusos e galegos formados nalgúns dos mellores conservatorios europeos e xa considerados/as xa como auténticos mestres da música clásica, traerá este luns, día 22 de setembro, a partir das 20.00 horas, á Casa do Saber de Lugo, un concerto de música clásica que permitirá ao público apreciar a calidade artística da nova canteira da elite da música galega e rusa.
A entrada a este concerto de música clásica será de balde para todo o público interesado, do mesmo xeito que o resto das actuacións programadas ao abeiro do IV Festival Peregrinos Musicais, unha oportunidade para a exaltación da profesionalidade de novos/as mestres/as de música clásica, promovido pola Asociación Peregrinos Musicais creada en Compostela en 2011 da man da pianista rusa afincada en Galicia Ilona Timchenko. A Casa do Saber de Lugo constitúe o único escenario fóra de Santiago de Compostela no que o público interesado na música clásica poderá coñecer e gozar do repertorio deste novo elenco de virtuosos musicais no marco do IV Festival Peregrinos Musicais, un proxecto artístico que ten como obxectivo favorecer a promoción e proxección internacional, así como o intercambio cultural de novos intérpretes de música clásica. A programación do IV Festival Peregrinos Musicais comeza o domingo 21 no Teatro Principal de Compostela cun concerto inaugural. A Casa do Saber de Lugo será o luns a segunda parada deste elenco de novos intérpretes de música clásica, que ofrecerán do 23 ao 26 de setembro outras tres actuacións en Santiago que terán como escenario a catedral, a Cidade da Cultura e o Auditorio de Galicia.