Ir o contido principal

Os novos usos turísticos do litoral centran un seminario do Cetur

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da Universidade de Santiago de Compostela (CETUR) organiza o 18 de setembro un seminario sobre os novos usos turísticos do litoral, para o que aínda está aberto o prazo de inscrición.
O director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Rubén C. Lois, será o encargado de inaugurar a xornada no Hotel Sada Marina da vila de Sada ás 9:45 horas nun acto ao que tamén acudirá o concelleiro de Deportes, Turismo e Medio Ambiente dese Concello, José Garrote Martín. Deseguido terá lugar a primeira conferencia sobre o potencial do turismo náutico a cargo do consultor Francisco Rivas Sio.
Os novos usos turísticos do litoral serán analizados nunha mesa redonda na que, ás 11:30 horas, participarán o presidente do Club Pantinclassic, Jesús Busto; o vicepresidente da Federación Española de Traíñas, José Manuel Seijas Galán, e o director da Revista Ardentia e representante da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Luis Rei, ademais do xerente de Proder II, Jorge Blanco, que actuará como moderador.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, o presidente da Estación Náutica Rías Baixas, Eduardo Dopazo Suárez, pronunciará unha conferencia sobre como adaptar un destino para se converter en Estación Náutica, á que lle seguirá unha mesa redonda sobre o futuro do turismo náutico en Galicia. Neste debate participarán o director do Monte Real Club de Iates de Baiona, Santiago Pérez Mendiguren e os empresarios José Manuel Francisco Dios, Esteban Fernández-Couto, David González Pérez e Ana María Padín Otero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2007.