Ir o contido principal

Os novos usos turísticos do litoral centran o seminario do Cetur que se celebra desde este martes en Sada

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da Universidade de Santiago de Compostela (CETUR) organiza este martes, día 18, no Hotel Sada Marina da vila de Sada un seminario sobre os novos usos turísticos do litoral.
O director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Rubén C. Lois, será o encargado de inaugurar a xornada ás 9:45 horas nun acto ao que tamén acudirá o concelleiro de Deportes, Turismo e Medio Ambiente dese Concello, José Garrote Martín. Deseguido terá lugar a primeira conferencia sobre o potencial do turismo náutico a cargo do consultor Francisco Rivas Sio.
Os novos usos turísticos do litoral serán analizados nunha mesa redonda na que, ás 11:30 horas, participarán o presidente do Club Pantinclassic, Jesús Busto; o vicepresidente da Federación Española de Traíñas, José Manuel Seijas Galán, e o director da Revista Ardentia e representante da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Luis Rei, ademais do xerente de Proder II, Jorge Blanco, que actuará como moderador.
Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, o presidente da Estación Náutica Rías Baixas, Eduardo Dopazo Suárez, pronunciará unha conferencia sobre como adaptar un destino para se converter en Estación Náutica, á que lle seguirá unha mesa redonda sobre o futuro do turismo náutico en Galicia. Neste debate participarán o director do Monte Real Club de Iates de Baiona, Santiago Pérez Mendiguren, e os empresarios José Manuel Francisco Dios, Esteban Fernández-Couto, David González Pérez e Ana María Padín Otero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2007.