Ir o contido principal

O novo número da Revista Galega de Educación analiza de xeito monográfico o tema 'Competencia dixital e ferramentas TIC'

‘Competencia dixital e ferramentas TIC’ é o tema monográfico do número 38 da Revista Galega de Educación, presentado este mércores 11 nun acto conxunto entre o colectivo Nova Escola Galega e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información na Xunta de Galicia.
Segundo puxo de manifesto no transcurso da presentación o director da publicación, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación Xesús Rodríguez, as institucións escolares foron incorporando ao longo do tempo as diferentes tecnoloxías que a sociedade lle proporcionou co obxecto de mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe. Neste senso, sinalou que as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións non son unha excepción, e de igual maneira que con anterioridade o fixeron a pizarra ou o vídeo, “están a configurar novos modos, novas maneiras de interactuar co alumnado, están a provocar o desenvolvemento de novos contidos e materiais, o uso de novas metodoloxías, estratexias organizativas, e de xestión de espazos e tempos”.
O novo número da revista pretende realizar un achegamento a un dos aspectos clave da incorporación das TIC no ámbito educativo, “a creación de propostas didácticas e a dotación de ferramentas TIC por parte do profesorado para elaborar os propios recursos”, apuntou o profesor Xesús Rodríguez.
O monográfico, recolle máis de quince experiencias e materiais innovadores que se teñen desenvolvido en Galicia en relación coas TIC en Galicia. O número inclúe ademais unha entrevista ao profesor Manuel Area, catedrático de Novas Tecnoloxías e presidente de RUTE (Red Universitaria de Tecnología Educativa) e a colaboración de Jordi Adell, o primeiro director do CENT da Universidade Jaime I de Castelló. De xeito complementario ao material impreso da revista preséntase un CD con diferentes ferramentas TIC para a creación de materiais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2007.