Ir o contido principal

O número de solicitudes de aloxamento na residencia ‘Bal y Gay’ para o curso 2014-2015 aumenta un 20% respecto do último ano

Residencia universitaria 'Jesús Bal y Gay'
Residencia universitaria 'Jesús Bal y Gay'

A residencia universitaria ‘ Jesús Bal y Gay’ do campus de Lugo recibiu 130 solicitudes de aloxamento para o vindeiro curso 2014-2015, o que supón un incremento de peticións de preto dun 20% respecto da convocatoria do último ano, segundo se desprende das estatísticas rexistradas pola USC.

A demanda de prazas na residencia universitaria ‘Jesús Bal y Gay’, a única do Sistema Universitario de Residencias da USC emprazada no campus de Lugo, supera con creces o número de aloxamentos ofertados. De feito, unha vez descontadas a prazas reservadas para profesores e investigadores de intercambio, así como para outros/as convidados/as, esta residencia universitaria pon a disposición do estudantado unhas 80 prazas para o novo curso. O custe das habitacións no devandito centro do Sistema Universitario de Residencias da USC é variable en función das bolsas de aloxamento que reciban os/as solicitantes. Os prezos de aloxamento oscilan entre 61 e 286 euros cada mes en función do nivel de renda dos usuarios/as, aínda que arredor do 90% das prazas están subvencionadas, segundo indicaron desde a USC. A elevada cifra de solicitudes de aloxamento recibidas na residencia universitaria ‘Jesús Bal y Gay’ do campus de Lugo garante un alto nivel de ocupación do devandito centro residencial cara ao vindeiro curso, durante o que os usuarios terán á súa disposición, entre outras prestacións, un servizo de cafetería e comedor no propio centro, así como dun renovado ximnasio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2014.