A nutrición clínica e dietética aplicada de Galicia centran desde este venres unha xornada monográfica en Ciencias

A cuarta edición das xornadas sobre nutrición clínica e dietética aplicada de Galicia, organizadas pola Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas citará desde este venres, na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC máis dun centenar de investigadores e profesionais procedentes de diversos puntos de España, ademais de estudantes do grao en Nutrición Humana e Dietética da USC.
As distintas sesións programadas no marco destas xornadas desenvolveranse a partir das 9.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias, onde os relatores convidados abordarán cuestións de máximo interese e actualidade, tales como a nutrición en idade infantil, menús en comedores escolares, educación alimentaria e alimentación para celíacos, alimentación vexetariana, microbioma e obesidade ou novos produtos lácteos. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, inaugurará, ás 12.15 horas, este foro monográfico sobre nutrición e dietética, no marco dun acto institucional no que tamén intervirán o presidente da Asociación Galega de Dietistas e Nutricionistas, José Antonio López Gómez; o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos; a concelleira delegada da área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Lugo, Ana María González Abelleira, e a deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo. As IV Xornadas Nutrición Clínica e Dietética Aplicada en Galicia terán continuidade o sábado en quenda de mañá na Facultade de Ciencias. O envellecemento, a nutrición deportiva e o coaching nutricional serán as grandes áreas temáticas sobre as que versarán os relatorios programados.