Ir o contido principal

Nutricionistas de toda España actualizan coñecementos este venres en Lugo

Nutricionistas e dietistas de universidades, centros sanitarios e empresas de toda España reúnense este venres 28 na Facultade de Ciencias de Lugo para poñer en común os últimos avances na materia. As I Xornadas de Nutrición Clínica e dietética inauguraranse ás 12.45 horas nun acto presidido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación de Lugo, Pedro García Herradón, e ao que asisten tamén o presidente da Asociación Galega de Dietistas-Nutricionistas (AGD-N), José A. López; o decano da facultade, José Manuel Martínez Ageitos; o concelleiro de Servizos Xerais e Modernización da Administración, Francisco Fraga; e a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez López. Previamente ao acto de apertura terá lugar ás 9:30 horas unha mesa redonda na que se coñecerá o estado actual da profesión. José A. López será o encargado de moderar o debate no que intervirán a vicedecana da facultade de Ciencias e coordinadora do grao de nutrición humana e dietética da USC, Olga Díaz; o presidente da Asociación Española de Nutricionistas e Dietistas (AEDN), Giuseppe Russolillo; e a vicepresidenta de AGD-N; Patricia Beiro. Logo deste debate intervirá o xefe de nutrición e saúde de Coca Cola Iberia, Rafael Urrialde de Andrés, que falará da hidratación como un aspecto de máxima relevancia científica na nutrición. A última charla da mañá versará sobre a importancia da abordaxe nutricional mediante equipos multidisciplinares a cargo de Cleofé Pérez-Portabella, da Unidade de Soporte nutricional do Hospital Universitario Vall d Hebrón de Barcelona. O encontro reanudarase ás 16:00 horas con outra mesa redonda arredor da dietoterapia en enfermidades intestinais. Moderada por Miguel Giribés, interveñen o dietista-nutricionista Juan José Bedolla; o membro da Unidade de Soporte Nutricional de Vall d Hebrón, Hegoi Segurola; e Miguel A. Martínez Olmos, da Unidade de Desordes Alimentarias do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). A nutrición no paciente oncolóxico e a elaboración de dietas por método de intercambio son as cuestións coas que finalizarán as xornadas, a cargo de Emma Camarero, do CHUS, Giuseppe Russolillo e Iva Marques, profesora de nutrición e bromatoloxía da Universidade de Zaragoza.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2011.