Ir o contido principal

O OARMA participa nunha campaña internacional de observación de estrelas dobres en Chile

Detalle do telescopio SOAR, de 4,1 metros de apertura
Detalle do telescopio SOAR, de 4,1 metros de apertura

O investigador Jorge Gómez Crespo, integrante do equipo de investigación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA), participa esta semana nunha campaña internacional de observación de estrelas dobres en Chile co telescopio SOAR de 4,1 metros de apertura situado en Cerro Pachón. A presenza do investigador da USC permitirá acadar datos de estrelas dobres dende o hemisferio sur por ser este un enfoque menos investigado.

As estrelas dobres son pares de estrelas asociadas pola mutua atracción gravitatoria e froito do cal ambas compoñentes describen órbitas arredor dos seu centro de masas común. Ademais, constitúen a principal liña de investigación do OARMA xa dende que Ramón María Aller introducira o seu estudo en España. Nos últimos anos e en colaboración con equipos de distintas nacións, o Observatorio universitario tivo oportunidade de realizar distintas campañas de interferometría speckle de binarias con grandes telescopios tanto de Europa como de Nortamérica.

O centro compostelán dispón na actualidade de instrumentación punteira neste campo como é a cámara de interferometría, acoplada xa a numerosos telescopios co obxecto de captar rexistros de binarias moi pechadas e polo tanto con rápidos movementos orbitais. O director do OARMA, José Ángel Docobo explica que entre os diferentes puntos de interese do estudo das estrelas dobres destaca o feito de que a partir das súas órbitas é posible determinar as masas das compoñentes do sistema, sendo a masa dunha estrela á súa vez un parámetro esencial para definir a súa traxectoria evolutiva. Baixo a dirección do profesor Docobo, Jorge Gómez está a traballar na súa tese de doutoramento titulada ‘Técnicas de observación de sistemas estelares dobre e múltiples’.

O telescopio está situado en Cerro Pachón, en Chile

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2015.