Ir o contido principal

Obesidade e trastornos do comportamento alimentario, cuestións a debater no XV Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica

O encontro celébrase o 4 de abril na Facultade de Medicina

A Aula Castelao da Facultade de Medicina acollerá o vindeiro 4 de abril a máis de cen especialistas que participarán no XV Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica. A obesidade, os trastornos do comportamento alimentario e crecemento e desenvolvemento dos nenos serán as cuestións en torno ás que xirarán os debates do encontro que organiza a Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia que dirixe o profesor Manuel Pombo Arias, catedrático e director do Departamento de Pediatría da Universidade de Santiago.
O curso desenvolverase arredor de tres mesas redondas nas que se tratarán diferentes temas relacionados coas áreas máis actuais dentro da especialidade como son a obesidade e os trastornos do comportamento alimentario, situacións en relación coas que se debe implicar “de maneira moi especial” el pediatra, explican os organizadores. A este profesional –explican- incúmbelle desempeñar un “papel clave” na loita por combater a epidemia da obesidade, que comeza, “sen ningunha dúbida, nunha eficaz prevención”. Os expertos advirten de que se segue incrementándose a magnitude do problema, se continua aumentando a prevalencia da obesidade, “nuns poucos anos non existirá ningún país, por rico que sexa, que poida facer fronte economicamente a esta epidemia”.
Outra das cuestións a tratar será a do crecemento e desenvolvemento, campo no que progresivamente se producen novos avances tanto dende o punto de vista do enfoque diagnóstico como das novas posibilidades de tratamento. A este respecto, nestes últimos días aprobouse o tratamento con hormona de crecemento da talla baixa debida á alteración do xene SHOX e que se relaciona coa presentación, fundamentalmente, dun tipo de alteración que vai con acurtamento da parte media das extremidades pero que tamén podería explicar algúns dos casos que ata agora os pediatras catalogaban como talla baixa de orixe descoñecida.
As mesas redondas complementaranse con outras conferencias que tratarán materias de moi amplo interese. O doutor Fernández García, de Granada, falará do retraso constitucional do crecemento y do desenvolvemento, que ofrece a súas dificultades dende o punto de vista do diagnóstico e ao que actualmente hai que sumarlle recentes investigacións levadas a cabo con novos axentes terapéuticos que poderían mellorar a situación deses nenos. Pola súa banda, o doutor Labarta, de Zaragoza, comentará algunhas situacións de moi frecuente presentación como sería o da xinecomastia, o desenvolvemento de peitos nos varóns. A conferencia de clausura correrá a cargo do catedrático emérito, profesor Peña Guitián, que disertará sobre o futuro da pediatría.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2008.