Ir o contido principal

A obra que Felipe Criado pintou nos últimos anos exponse no Colexio de Fonseca

A viúva de Felipe Criado, Mercedes Boado, e o fillo posan diante da obra cos responsables da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro e Mercedes Rosón (Foto: Santi Alvite)
A viúva de Felipe Criado, Mercedes Boado, e o fillo posan diante da obra cos responsables da área de Cultura da USC, Pablo Sampedro e Mercedes Rosón (Foto: Santi Alvite)
‘Último capítulo. Cadaquén que pense o que queira….’ inaugurouse este venres

O Salón Artesoado e a Capela do Colexio de Fonseca albergan dende este venres e ata o 13 de xuño a exposición ‘Último capítulo. Cadaquén que pense o que queira….’, unha homenaxe ao recoñecido pintor Felipe Criado (Gijón 1928–A Coruña 2013), coa obra en gran formato que pintou nos seus últimos anos. A mostra inaugurouse nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e que contou ademais coa presenza da viúva do pintor, Mercedes Boado, e dos seus fillos Cecilia e Felipe. Para o comisario Antón Castro, teórico da arte e profesor da Universidade de Vigo, “Felipe Criado é un dos pintores que axudou a definir, desde un proxecto consolidado ao longo de sesenta anos, a segunda metade da arte do século XX en Galicia e así o recoñece a crítica máis prestixiosa, no marco dos realismos españois da mesma época”. Felipe Criado Criado, que viviu en Galicia desde 1940 e en A Coruña desde 1967, foi responsable dun estilo moi persoal que, aínda que aberto a variacións constantes, se identifica con facilidade en todas as súas obras, sexan pictóricas, murais, cerámicas, gravados ou, particularmente, debuxo, disciplina esta última na que destaca como un dos grandes expoñentes da arte española do último terzo do XX. A Guerra Civil obrígao a ser testemuña dun acontecemento que marcará a súa vida, e a súa pintura, como foi o bombardeo de Santander pola aviación da Lexión Cóndor. Coñeceu ao maestro Asorey, unha amizade decisiva para a súa posterior dedicación á plástica e aos estudos de Anatomía Artística. En 1954 ingresa na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid, na que recibe clases de profesores como Joaquín Valverde, Lafuente Ferrari, Francisco Soria e Ramón Stolz, e onde ten como compañeiros a outros importantes pintores como Lucio Muñoz, Amalia Avia, Antonio López, María Moreno, Zarco, Alcorlo e Isabel Quintana. Ten no seu haber arredor de dous millares de obras pictóricas (aínda que o número que aflorou no seu catálogo razoado é 1.077), varias delas nos fondos dos máis importantes museos e coleccións de España como o Museo do Pobo Galego, a Pinacoteca da Academia de Belas Artes, Salomon by Company de Londres, Centro de Arte Contemporáneo de Galicia, Museo Provincial de Lugo, Instituto Cervantes e Parlamento de Galicia. Membro da Real Academia Galega de Bellas Artes, Felipe Criado caracterizouse pola exploración profunda de todas as gamas cromáticas, o tratamento vívido das cores e a súa combinación harmoniosa. Tras uns primeiros anos dedicados á pintura de paisaxes, centrouse fundamentalmente na figura humana. E como cor, o ocre predominante. A exposición ‘Último capítulo. Cadaquén que pense o que queira….’ poderá visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

Felipe Criado destaca como un dos grandes debuxantes do último terzo do XX (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2015.