A obra que Felipe Criado pintou nos últimos anos exponse dende este venres no Colexio de Fonseca

O Salón Artesoado e a Capela do Colexio de Fonseca albergarán dende este venres ata o 13 de xuño a exposición ‘Último capítulo. Cadaquén que pense o que queira….’, unha homenaxe ao recoñecido pintor Felipe Criado (Gijón 1928–A Coruña 2013), coa obra en gran formato que pintou nos seus últimos anos. A mostra inaugúrase este venres 8 ás 20.00 horas nun acto que presidirá o reitor Juan Viaño e que contará ademais coa presenza da viúva do pintor, Mercedes Boado, e dos seus fillos Cecilia e Felipe. Para o comisario, o teórico da arte e profesor da Universidade de Vigo Antón Castro, “Felipe Criado é un dos pintores que axudou a definir, desde un proxecto consolidado ao longo de sesenta anos, a segunda metade da arte do século XX en Galicia e así o recoñece a crítica máis prestixiosa, no marco dos realismos españois da mesma época”. Felipe Criado Felipe Criado, que viviu en Galicia desde 1940 e en A Coruña desde 1967, foi responsable dun estilo moi persoal que, aínda que aberto a variacións constantes, se identifica con facilidade en todas as súas obras, sexan pictóricas, murais, cerámicas, gravados ou, particularmente, debuxo, disciplina esta última na que destaca como un dos grandes expoñentes da arte española do último terzo do XX. Ten no seu haber arredor de dous millares de obras pictóricas (aínda que o número que aflorou no seu catálogo razoado é 1.077), varias delas nos fondos dos máis importantes museos e coleccións de España como o Museo do Pobo Galego, a Pinacoteca da Academia de Belas Artes, Salomon by Company de Londres, Centro de Arte Contemporáneo de Galicia, Museo Provincial de Lugo, Instituto Cervantes e Parlamento de Galicia. Membro da Real Academia Galega de Bellas Artes, Felipe Criado caracterizouse pola exploración profunda de todas as gamas cromáticas, o tratamento vívido das cores e a súa combinación harmoniosa. Tras uns primeiros anos dedicados á pintura de paisaxes, centrouse fundamentalmente na figura humana. E como cor, o ocre predominante.