Ir o contido principal

Un obradoiro para deseñar o Catálogo das Paisaxes de Galicia cita unhas vinte persoas no campus de Lugo

Participantes no obradoiro para deseñar a Catálogo das Paisaxes de Galicia, no edificio Cactus do campus de Lugo
Participantes no obradoiro para deseñar a Catálogo das Paisaxes de Galicia, no edificio Cactus do campus de Lugo
Javier Bueno preside a inauguración dunha sesión aberta ao público e organizada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia e o LaboraTE da USC

Un obradoiro aberto ao público para participar no deseño do futuro Catálogo das Paisaxes de Galicia que publicará a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia cita este sábado no edificio Cactus do campus de Lugo preto de 20 persoas, un elenco de participantes entre os que figuran varios profesores e investigadores da USC, así como técnicos da Xunta de Galicia e outras moitas persoas interesadas na conservación e mellora da paisaxe e do territorio.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, foi o encargado de presidir a sesión inaugural deste encontro de análise e debate, promovido polo Instituto de Estudos de Territorio (IET) baixo a dirección científica do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC . A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, e o coordinador LaboraTe, o profesor e investigador da USC na Escola Politécnica Superior, David Miranda, tamén interviñeron como relatores na sesión inaugural dun obradoiro orientado á formulación definitiva do Catálogo das Paisaxes de Galicia, unha iniciativa que fai escala en Lugo logo das sesións xa celebradas previamente en Santiago de Compostela, As Pontes e Carballo. Esta iniciativa a prol da conservación e posta en valor da paisaxe constitúe unha acción aberta ao público en xeral, a través da que se permite ás persoas participantes propoñer e identificar os principais recursos paisaxísticos da provincia, así como as zonas máis degradadas, e que poden ser obxecto de recuperación ou rexeneración na provincia de Lugo. As persoas que participen nesta sesión disporán dun Sistema de Información Xeográfica (SIX) para poder localizar puntos ou lugares antes citados. Este programa de obradoiros encamiñado a recoller propostas e suxestións para incluír no futuro Catálogo das Paisaxes de Galicia continuará nas próximas datas con novas sesións en Burela, Becerreá, Viana do Bolo, Ourense, Xinzo de Limia, Ponteareas, Vigo e A Coruña. Doce puntos xeográficos, nos que quedarán identificadas todas as zonas e recursos paisaxísticos da comunidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2015.