Ir o contido principal

O obradoiro 'Facendo matemáticas con xogos malabares' inicia o programa de actividades divulgativas 'Matetodo Todomate'

A Facultade de Matemáticas da USC organiza o vindeiro luns 8 un obradoiro no que o profesor do Departamento de Computación, Tecnoloxía das Comunicacións e Matemáticas da London Metropolitan University Andrew Tonks disertará sobre ‘Facendo matemáticas con xogos malabares’. A sesión diríxese a un público xeral e especialmente para rapaces maiores de 14 anos.
Esta sesión, que comezará ás 18:00 horas na Aula Magna do centro compostelán, forma parte do programa Matetodo Todomate, un conxunto de actividades educativas lúdicas, didácticas e de formación dirixidas a un amplo abano de público, e incluído á súa vez nos actos conmemorativos do 50 aniversario da creación da Licenciatura de Matemáticas na USC.
Nos xogos malabares, a maneira de modelizar matematicamente os lanzamentos coñécese como transposicionais. O fundamento matemático dos malabares radica no feito de que o tempo entre lanzamentos é constante, o que permite calcular o número de lanzamentos posibles dende que se lanza unha bola ata que se recolle.
En Juggling Lab (http://jugglinglab.sourceforge.net/) pódense atopar diversos exemplos en Java baseados en curiosos transposicionais así como vídeos de Ben Jennings, campión mundial de malabares e posuidor de catro medallas de ouro nesta disciplina.
Divulgación das matemáticasA Facultade de Matemáticas, co gallo do 50 aniversario da creación destes estudos na USC, está a elaborar un programa de actos co que destacar a difundir a importancia da matemática nos ámbitos social, científico e tecnolóxico, para así familiarizar a un público amplo con ferramentas e métodos matemáticos propios de diferentes áreas de coñecemento necesarios para entender o mundo dunha forma orixinal e pouco habitual.
Como ferramenta fundamental para a análise, a cuantificación e a modelización de fenómenos, as matemáticas están presentes en todas as disciplinas e implicadas continuamente en diversas situacións da vida cotiá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2007.