Ir o contido principal

Un obradoiro da Fundación USC Deportiva achega técnicas de relaxación e meditación

A relaxación e a meditación contempladas como ferramentas de saúde é o argumento dun obradoiro que ofrecerá ás persoas inscritas técnicas para o desenvolvemento destas habilidades. É a segunda edición dun taller que organiza a Fundación USC Deportiva en colaboración coa spin-off da USC Xuntos, Atención Psicológica y Psiquiátrica. O obradoiro desenvolverase en 12 sesións dunha hora de duración e frecuencia semanal, organizadas para un grupo de entre 8 e 15 participantes. Os contidos serán principalmente de carácter práctico e resaltarán os beneficios que comportan as técnicas de relaxación e a meditación, como a redución significativa do estres, a mellora da capacidade de concentración e atención, así como da respiratoria, o fortalecemento das relacións tanto persoais como familiares e sociais ou a sensación de benestar físico e psicolóxico, axudando na recuperación de distintas doenzas. Impartirán as distintas sesións a doutora Elisabet Hermida, de Xuntos, e Amancio Rial da Fundación USC Deportiva. A actividade está aberta a toda persoa interesada na temática. As distintas sesións celebraranse os días 12, 19 e 26 de marzo; 2, 9, 23 e 30 de abril; 7, 14, 21 e 28 de maio; e o día 4 de xuño de 17.00 a 18.00 horas na Sala Multiusos do Colexio Maior Rodríguez Cadarso. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web www.fundacionuscdeportiva.org.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2014.