Ir o contido principal

Obras imprescindibles para o ensino primario e secundario sobre conflitos bélicos

Comeza a décimo primeira edición do curso ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas’

Formar e informar sobre o tratamento dos conflitos bélicos na literatura infantil e xuvenil co obxectivo de salientar aquelas obras que se consideran imprescindibles para a formación lectora no Ensino Primario e Secundario e así axudar á planificación da educación literaria. Esa é a finalidade da décimo primeira edición do curso de formación continua ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís Ibéricas’ que dirixe a profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou, organizado pola USC a través do Instituto de Ciencias da Educación e do Grupo de Investigación LITER21.

O curso, que ten unha bo acollida dentro do calendario de formación complementaria da USC, comezará ás 18.00 horas deste venres 13 no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Tras a inauguración por parte so secretario xeral de Política Lingüística, a directora do Instituto de Ciencias da Educación, o director da Biblioteca Afundación e a directora do curso, terá lugar a conferencia ‘Conflitos bélicos e sistema educativo: unha perspectiva necesaria’, a cargo da profesora Sara Reis da Silva, da Universidade do Minho.

A continuación, o crítico literario Armando Requeixo presentará dúas monografías publicadas por Edicións Xerais de Galicia en 2015: Historia da Literatura Infantil e Xuvenil galega e Retorno aos clásicos. Obras imprescindíbeis da narrativa infantil e Xuvenil. A directora do ICE, Ana Mª Porto Castro, fará o mesmo con dúas monográficas saídas do prelo en 2015 na colección ‘ Materiais didácticos’ do ICE que publica a USC: Libros galegos de onte e hoxe para a nenez e a mocidade (2010-2015) e Libros en galego de onte e hoxe para a nenez e a mocidade (2010-2015).

A partir do sábado o curso trasladarase á Biblioteca Afundación (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) onde os días 14, 20 e 21 de novembro se abordará a representación dos conflitos bélicos na Literatura Infantil e Xuvenil galega, a través da conferencia de Eulalia Agrelo ‘Cómo levar ás aulas as obras imprescindibles sobre conflitos bélicos para o Ensino Primario e Secundario’. Haberá tamén encontros cos autores Marcos Calveiro, Pepe Carballude, Kiko da Silva, Fina Casalderrey e Paula Carballeira e un taller de ilustración a cargo dos profesores da USC Guillermo Calviño, Olalla Cortizas e Cristina Trigo, que se complementarán cunha sesión de contacontos con Paula Carballeira. O curso clausurarano un representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a directora do Instituto de Ciencias da Educación, o director da Biblioteca Afundación e a directora do curso.

Esta iniciativa formativa conta co apoio do MINECO-FEDER; a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. É ademais apoiada pola Biblioteca Afundación, a Rede Temática ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIXMI), o Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE)–USC e as asociacións ANILIJ-ELOS e ELOS-GALICIA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2015.