Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller coordina por quinto ano consecutivo o programa estival de observación astronómica da Cidade da Cultura

Cartel das visitas astronómicas
Cartel das visitas astronómicas

Por quinto ano consecutivo, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) coordina a realización do abano de actividades de astronomía para todos os públicos incluído no programa ‘Verán no Gaiás’ da Cidade da Cultura de Galicia. Ao longo dos próximos tres meses, os venres dende o 4 de xullo ao 19 de setembro estanse a realizar sesións de observación nocturna en monte Gaiás nas que as persoas que participen poderán recoñecer constelacións a simple vista e observar a través de telescopios a Lúa, planetas, estrelas dobres, cúmulos estelares ou nebulosas. Logo das dúas primeiras sesións xa celebradas, as próximas observacións están previstas para o día 25 de xullo a partir das 23.00 horas; os días 1, 12, 15, 22 e 29 de agosto dende as 22.30 horas e en setembro os días 5, 12 e 19 a partir das 22.30 horas. A xornada do día 12 de agosto estará dedicada fundamentalmente á observación das estrelas fugaces Perseidas. As actividades de observación estarán acompañadas de informacións de interese, comentarios e anécdotas en relación cos obxectos a observar por parte dos monitores do OARMA, coa finalidade de facer as sesións o mais atractivo posible. As persoas interesadas poderán participar de balde nas actividades propostas previa inscrición na web www.cidadedacultura.org.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.07.2014.