O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC advirte das precaucións para observar a eclipse solar do venres

As especiais precaucións que se deben tomar para observar a eclipse total de sol deste venres motivan que o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organice nos xardíns das súas instalacións, no Campus Vida de Santiago, unha sesión pública de seguimento de todo o fenómeno, entre as 9:05 e as 11:18 horas. O mesmo acontecerá en Sanxenxo e Padrón, vila esta última onde ademais o director do Observatorio José Ángel Docobo explicará o fenómeno este xoves 19 no Auditorio ás 20.00 horas. Dado que a eclipse se inicia no Atlántico e pasa entre Islandia e as Illas Británicas para rematar no Polo Norte, será a galega a comunidade onde a Lúa oculte máis o Sol; concretamente na costa noroeste chegará a ocultarse máis dun 75% da superficie solar. O seu máximo darase en Galicia ás 10:09 horas. O procedemento máis seguro para observala é proxectar sobre unha superficie a imaxe producida por un pequeno telescopio, pero nunca mirar directamente o Sol e menos aínda observalo con prismáticos ou telescopios. Unha alternativa, se non se dispón das gafas especiais ao efecto, pode ser usar os cristais que se adoitan utilizar en soldadura “pero neste caso débense manexar con máximo factor de protección e non mirar de xeito continuado”, advirte Docobo, que subraia “en todo caso, os máis cativos deben de estar sempre tutelados”. Quen non conte cos medios axeitados ou non poida participar nas observacións dirixidas por expertos poderá seguir a eclipse vía internet polo Real Instituto y Observatorio de la Armada (ROA, http://www.eclipse.roa.es/), por Canal Ciencia (http://www.sky-live.tv/index-canal-ciencia.html) e por Misión Eclipse (http://www.misioneclipse.es/). A máis importante dende 2005 A eclipse do venres vai ser a máis importante en Galicia dende aquela espectacular anelar do 3 de outubro de 2005. Entón, aínda que a Lúa se situou xusto fronte ao Sol non o tapou completamente deixando un aro de luz solar arredor do satélite. Iso debeuse a que a Lúa estaba preto do apoxeo –m áxima distancia a nós, tendo en conta que a distancia entre a Lúa e a Terra oscila entre 356.375 e 406.720 quilómetros–.
A próxima eclipse solar que se verá coma total na Península será o do 12 de agosto de 2026, en tanto que o 26 de xaneiro de 2028 poderá verse outra de carácter anelar. Tamén en 2015, na noite do 27 ao 28 de setembro, haberá a oportunidade de contemplar unha eclipse total de Lúa.