Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico da USC apunta condicións favorables para observar o ‘cometa verde’

Foto: Paul Stewart, licencia CC BY-SA
Foto: Paul Stewart, licencia CC BY-SA

De acordo coas previsións, e segundo informa o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, as condicións meteorolóxicas das noites deste venres 9 ao sábado e do domingo 11 ao luns facilitarán a observación do cometa Lovejoy (C/2014 Q2) xa a primeiras horas da noitiña en Galicia. O astro está a acadar estes días o máximo brillo (magnitude 5), o que teoricamente fai posible que se observe a simple vista desde lugares con ceos moi escuros e sen contaminación lumínica. Porén, uns prismáticos ou un pequeno telescopio axudarán á súa localización e seguimento. Conforme pasen os días irase facendo lentamente menos brillante e será a finais de mes canto se atope no seu perihelio. Descuberto en agosto desde Australia por Terry Lovejoy, o chamado cometa ‘verde’ debido á clase predominante de gases xeados que contén, fundamentalmente cianóxeno e carbono diatómico, tardará cerca de 10.000 anos en volver. Lovejoy, que amosa unha órbita case perpendicular á eclíptica, pasou este mércores a 70 millóns de quilómetros da Terra, a mínima distancia a nós. Actualmente se atopa xusto á dereita da constelación de Orión e debaixo do Touro, achegándose a está última nos vindeiros días. Lovejoy está xusto agora á dereita da constelación de Orión e debaixo do Touro, á que se achegará nos vindeiros días

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2015.