O Observatorio Astronómico da USC organiza en Ribadeo as décimo cuartas Xornadas de Mecánica Celeste

As décimo cuartas Xornadas de Mecánica Celeste reúnen este xoves 17 e o venres 18 en Ribadeo aos distintos grupos de traballo punteiros en Astrodinámica procedentes de distintas universidades nacionais e internacionais. O Observatorio Astronómico Ramón María Aller organízaas para facer unha posta en común das actuais liñas de investigación así como dos resultados máis relevantes nesta disciplina académica na que conflúen astrónomos, físicos, matemáticos, enxeñeiros ou informáticos, entre outros perfís. De xeito ininterrompido, as xornadas celebráronse anualmente dende 1998 ata 2009 e de xeito bienal dende 2012 organizadas en cada edición por unha universidade ou grupo de investigación. As xornadas volven nesta edición a Galicia por terceira vez, logo da súa celebración en Rianxo (2005) e en Lalín (2009), neste último coincidindo coa celebración do Ano Internacional da Astronomía. Á súa celebración fóronse incorporando paulatinamente distintos grupos, de xeito que na actualidade a práctica totalidade dos que investigan neste campo participan nelas, o que ten permitido establecer en paralelo unha rede de traballo. Ademais, en todas as edicións incluíronse conferencias plenarias (e comunicacións) de especialistas estranxeiros co obxectivo de que adquiran recoñecemento no ámbito internacional. TodoCosmos O concello de Ribadeo é ademais un dos sete concellos que participan no desenvolvemento do proxecto de divulgación astronómica TodoCosmos, dirixido polo Observatorio universitario e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT). O programa ‘A Astronomía ao alcance de todos. Colaboración Universidade, Concellos, Organismos Públicos e Empresas’ (TodoCosmos) é un conxunto de actividades na que colaboran os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo e Teo, ademais da empresa Óptica Val. Ao longo de 2014 estanse a desenvolver nestes concellos cursos, obradoiros de telescopios e de reloxos de sol, xornadas escolares, observacións telescópicas e a simple vista, así como visitas guiadas ao Observatorio da USC e aos de Lalín e Ribadeo. Dentro das actividades de TodoCosmos, as Xornadas de Mécanica Celeste celebran este xoves unha sesión pública de observación na praza de España a partir das 23.00 horas. Ademais, o venres 18 está programada na Casa do Mar unha conferencia aberta ao público na que Víctor Lanchares Barrasa, da Universidade da Rioxa, sobre a evolución dos métodos de posicionamento no mar dende as estrelas ata os GPS actuais.