Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico da USC organiza sesións de observación para douscentos estudantes españois de secundaria

Este martes chegan a Compostela preto de 200 mozos e mozas de institutos de Cerceda, Santander, Melilla, Nájera e Madrid, todos eles participantes no Proxecto Común do Ministerio de Educación e Ciencia que coordina o CPI O Cruce de Cerceda e co que colabora o Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC.
Logo de percorrer o último tramo do Camiño de Santiago os estudantes visitarán ao longo do día varios centros científicos como o Museo Luis Iglesias, o Cesga e, pola tarde, o Observatorio Astronómico universitario.
Xa de noite, a partir das 22:30 horas no Monte do Gozo, persoal do ‘Ramón María Aller’ organizaralles unha sesión de observación aproveitando as boas condicións meteorolóxicas. Alí, con dous telescopios portátiles poderán ver a Lúa e o planeta Saturno, ademais de constelacións a simple vista.
A actividade, que nesta ocasión coordina a profesora Milagros Trigo, está aberta ao público en xeral incluíndose na programación do Ano Internacional da Astronomía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2009.