Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico da USC participa nas actividades da Semana da Ciencia 2007 coa organización de conferencias, xornadas de portas abertas e cursos de astronomía

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC participa no desenvolvemento da Semana da Ciencia 2007 coa organización de diversas conferencias, unha xornada de portas abertas e a organización dun curso de astronomía.
Na primeira das actividades programadas, o xoves 8, o profesor de investigación do Instituto de Física de Cantabria (CSIC), Xavier Barcons Jáureguir pronunciará a conferencia titulada ‘A astronomía do século XXI’ nun acto que se vai celebrar a partir das 19:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. A esta intervención seguiranlle diversas conferencias en Santiago e en Lugo tanto na presente semana como nas dúas vindeiras.
Pola súa banda as xornadas de portas abertas do Observatorio celebraranse os días 6, 7, 13 e 14 en horario de 19:00 a 21:00 horas e os días 9, 10, 16 e 17 en horario de 19 a 24 horas. No caso de colectivos e asociacións é preciso solicitar cita previa no enderezo oadoco [at] usc.es (oadoco[at]usc[dot]es).
Finalmente, están previstos tamén dous cursos, o primeiro titulado ‘Aprender (algo de) astronomía en cinco días’ dirixido ao público xeral, e outro sobre astronomía para profesionais dos medios de comunicación. En ambos os dous casos, a carga lectiva é de oito horas, cinco de teoría e tres de observación, que se repartirá entre os días 12 e 16. As persoas interesadas en participar nestes dous cursos poden solicitar máis información no mesmo Observatorio en horario de 13 a 14 horas ou de 19 a 20 horas así como no enderezo de correo electrónico oadoco [at] usc.es (oadoco[at]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2007.