Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico da USC presenta en Barcelona as primeiras deteccións de bólidos coas cámaras recentemente instaladas no centro

Os membros do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA), os profesores José Ángel Docobo –director-, Manuel Andrade e Pedro Pablo Campo presentaron no primeiro congreso estatal sobre bólidos e meteoritos, que se está a desenvolver en Sant Celoni (Barcelona) organizado pola Rede Española desta especialidade, as primeiras deteccións de bólidos captadas coas cámaras instaladas no centro recentemente.
Trátase dos primeiros rexistros da entrada de pedras cósmicas na atmosfera que se realizan no observatorio astronómico da USC, que vén de poñer en funcionamento dúas estacións completas en Santiago e Lugo equipadas cada unha delas con catro cámaras de vídeo e unha cámara all-sky co obxecto de monitorizar o ceo.
Os profesores da USC aproveitaron tamén a súa participación na reunión científica ‘Técnicas de detección, estudo e recuperación de meteoritos’ para expoñer as investigacións sobre astronomía levadas a cabo nos últimos anos. Entre eses estudos salientan os referentes aos bólidos do 16 de xuño de 1996, do 1 de marzo de 2005 e do 2 de febreiro de 2009 que se viu en toda Galicia e do que os investigadores conclúen que entrou na Península polo sur de Vigo para logo desprazarse sobre a fronteira con Portugal ata extinguirse.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2010.