A oferta docente de UNISF consolídase como foco de desenvolvemento para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Nun intre no que dende as institucións europeas se están a fomentar as sinerxías entre universidades, as da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal consolidan a súa alianza a través do proxecto Universidade sen Fronteiras (UNISF). Despois de anos de cooperación, UNISF dá un novo paso coa creación de títulos conxuntos para facilitar a posta en común dos seus recursos e puntos fortes, a dinamización da mobilidade de profesorado e estudantado, así como a creación dunha oferta educativa innovadora e de excelencia, foco de atracción e desenvolvemento a nivel estatal e europeo. O nacemento de catro titulacións grazas ao vínculo estratéxico de USC, UDC, UVigo, UMinho, a Universidade do Porto e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), supón un novo chanzo na creación de programas de estudos innovadores, cooperativos, máis creativos e cunha compoñente transfronteiriza e interdisciplinaria.
“A unión de recursos e de forzas entre as universidades incluídas no proxecto permite a creación dunha oferta innovadora e de excelencia, capaz de situarse como un centro de atracción e de desenvolvemento a nivel estatal, ibérico e europeo”, explicaron dende UNISF. Ademais, este proxecto resulta crucial ao eliminar as barreiras administrativas e burocráticas na creación de títulos conxuntos.
No marco de UNISF, botan a andar o mestrado universitario en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións, coordinados os dous dende a institución compostelá. Créanse tamén o mestrado en Desafíos das Cidades e o programa de doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento.
Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais
Dotado con 30 prazas, este mestrado está coordinado dende a USC. Os dereitos fundamentais ou os dereitos dos traballadores poden verse afectados, tanto pola actividade empresarial como polas administracións se non se utilizan as tecnoloxías dixitais dun xeito responsable e fiable, para o que se require un marco legal eficiente, en opinión dos organizadores. Por iso, xorde a necesidade de que os titulados/as en Dereito teñan as competencias suficientes para funcionar en contornas laborais dixitalizadas ou que demandan a resolución de problemas legais relacionados coas tecnoloxías dixitais. As relacións xurídicas que se derivan desta realidade afectan ao exercicio da avogacía nas súas diferentes vertentes debido á demanda de profesionais con sólidos coñecementos sobre a empresa que opera nestes países.
Desafíos das Cidades
Analizar os desafíos e respostas para os dominios que sustentan unha cidade sostible é a meta do Mestrado Universitario en Desafíos das Cidades. Esta titulación considera seis enfoques ou áreas científicas: dimensión física; social e educativa; ambiental; tecnolóxica; gobernanza; e económica. Está dotada con 36 prazas.
Matemáticas e Aplicacións
Este programa de doutoramento pretende que o alumnado adquira competencias no desenvolvemento de técnicas, linguaxes e ferramentas teóricas e/ou computacionais adecuadas para a resolución de problemas; no afondamento en técnicas xerais e enfoque autónomo de problemas matemáticos; e na modelización e resolución innovadora de fenómenos científicos, no ámbito das aplicacións das Matemáticas. A colaboración transfronteiriza permite crear unha forte masa crítica de profesorado e persoal investigador de diferentes centros.
Ciencias Sociais e do Envellecemento
Este programa de doutoramento ofrece un espazo de formación avanzada no ámbito dos estudos sobre o envellecemento demográfico e a lonxevidade, un eido que está chamado a ser crucial nos vindeiros anos e no que é preciso formar profesionais dende un enfoque interdisciplinario a través da lente das Ciencias Sociais.