A Oficina de Desenvolvemento Sostible organiza dúas camiñadas ornitolóxicas en Lugo co gallo do Día das Aves Migratorias

A Oficina de Desenvolvemento Sostible (ODS), pertencente á Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, organiza os vindeiros días 6 e 11 de maio camiñadas ornitolóxicas polo campus de Lugo para conmemorar a celebración do Día das Aves Migratorias, unha efeméride que este ano se festexa o 10 de maio e que nesta ocasión se desenvolve arredor da temática matanza, captura e comercio ilegal das aves migratorias.
As camiñadas programadas partirán ás 18.00 horas da entrada da Biblioteca Intercentros e teñen unha duración estimada de entre dúas e dúas horas e media. Os camiñantes que tomen parte nesta iniciativa percorrerán un trazado que discorre pola contorna do campus, con posibilidade de baixar cara a ribeira do río Miño. O percorrido deseñado pola organización co gallo desta efeméride é moi completo en canto á variedade de especies que se poden observar (nun paseo desta duración é posible ver/oír máis de 40 especies diferentes), dende pequenas aves forestais ata aves ligadas a medios acuáticos pasando por varias especies de aves de rapina. A proposta está prevista para un grupo dunhas 10 persoas e desenvólvese en colaboración coa asociación Ven Ver a Ves (www.venveraves.com). A inscrición nesta actividade permanecerá aberta ata as 14.00 horas do mércores 4 de maio no enderezo de correo electrónico Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es) A celebración do Día Mundial das Aves Migratorias trátase dunha campaña anual de sensibilización global, que destaca a necesidade da conservación das aves migratorias e dos seus hábitats. Daquela, a través destas iniciativas, os bolseiros do SPIU do campus de Lugo queren facer visible esta efeméride coa organización dunhas camiñadas que permitan achegar a biodiversidade máis inmediata á comunidade universitaria.