Ir o contido principal

A Oficina de desenvolvemento Sostible presenta as súas iniciativas educativas nas VI Xornadas Galegas de Educación Ambiental

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC presenta este sábado 27 algunhas das súas iniciativas no transcurso das VI Xornadas Galegas de Educación Ambiental, que se desenvolven no Instituto Rosalía de Castro.
A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible, Dora Blanco, presentará as Bolsas de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria, que constitúen a aposta educativa máis importante da Oficina. Estas axudas, convocadas anualmente para 27 estudantes dende o curso 2004/2005, permiten achegar actividades de educación ambiental aos centros docentes universitarios e incentivar a participación dos estudantes neste tipo de iniciativas á vez que proporcionan aos participantes formación relacionada coa realidade ambiental e social do seu entorno.
Por outra banda, a técnico da Oficina Noelia López intervirá nas xornadas cun relatorio sobre o ‘Programa de Educación Ambiental sobre a Pegada e a Débeda Ecolóxica na USC’, que se desenvolveu en colaboración coa Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega. Estruturado nunha parte formativa e outra de acción social, a iniciativa busca dar a coñecer entre os membros da comunidade universitaria os conceptos de pegada e a débeda ecolóxicas e as súas implicacións no entorno máis inmediato.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2009.