Ir o contido principal

A Oficina Europea de Patentes propón ao estudantado universitario a busca de novos campos de innovación

A Oficina Europea de Patentes (OEP) acaba de abrir a convocatoria do Concurso de Innovación dirixido especificamente ao estudantado universitario dos países membro e de calquera disciplina. Quen decida participar deberá propoñer novos campos de innovación, facendo especial fincapé nas tecnoloxías verdes e de desenvolvemento sostible, para o que é preciso presentar un proxecto de investigación que resulte de interese para a realización de i+D posterior. As propostas deberán achegar un problema técnico incluído nalgunha das seguintes categorías: produción sostible de alimentos; produción e almacenamento de enerxía ecolóxica; xestión de residuos, reciclaxe, minería urbana; sistemas intelixentes de xestión do tráfico e de transporte; e casas técnicas intelixentes. Ademais o proxecto, completarase cunha presentación do estado da técnica actualmente dispoñible da área do problema formulado e unha visión xeral do mercado potencial para a solución que se propón. Cada proposta acompañarase dun currículo de un máximo de 2 folios de extensión e unha breve descrición do proxecto, incluín título e tema. As persoas seleccionadas participarán nun programa de formación a distancia no que se lle presentarán as directrices sobre o desenvolvemento da idea inicial. O idioma de traballo neste módulo formativo e as titorías correspondentes será o inglés, aínda que o proxecto final poderase presentar en calquera dos idiomas oficiais da OEP (inglés, francés e alemán). O prazo de rexistro, que deberá realizarse a través de internet, estenderase ata o 15 de marzo, polo que a data límite de recepción de solicitudes na Oficina Española de Patentes e Marcas (OPEM) remata o 8 de marzo. Pola súa banda, a data de entrega do proxecto final remata o 13 de xullo. A dotación do premio ascende a 5.000 euros para cada unha das cinco categorías temáticas contempladas. Ademais, todas as persoas que entreguen o traballo de investigación final accederán a un ano de subscrición ás ferramentas de procura profesional da OEP a partir do mes de outubro de 2013. Para acadar máis información, a persoas interesadas poden dirixirse á web da OPEM ou a través do correo electrónico areadifusion [at] opem.es (areadifusion[at]opem[dot]es) e dos teléfonos 91.3495315 / 578.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.01.2013.