OHN ofrece este xoves na Casa do Saber unha performance sobre creación dixital de paisaxes corporais no ciclo Sons Creativos

O proxecto artístico OHN, ao que dan vida María Roja e Berio Molina e que experimenta coa creación de paisaxes corporais a partir da resposta do corpo a accións non intencionais, ofrecerá este xoves, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, unha performance sobre creación dixital de paisaxes corporais.
A actuación de OHN encádrase na sexta edición do programa de arte sonora e electroacústica Sons Creativos, un proxecto dirixido por Inmaculada Cárdenas Servián e que rematará o vindeiro día 5 de xuño no quiosco da Praza Maior de Lugo co concerto de improvisación libre ‘Quiosco aberto mundo urbano/mundo rural’, no que intervirán integrantes do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), así como todos/as aqueles/as artistas que traballen músicas improvisadas e experimentación, utilizando a tecnoloxía como base das súas creacións. Como antesala da performance sobre paisaxes corporais, OHN presentará ao público unha selección de material que inspira o seu traballo e do que parten as súas premisas tanto conceptuais como estéticas. Neste preludio, fragmentos de obras propias fúndense nunha montaxe para dialogar e se mesturar cos traballos de artistas como Daito Manabe, Golan Levin and Zachary Lieberman, Maja Ratkje, Insomnia, Kanta Horio, Pan Sonic, Optrum, Pina Bausch ou Alva Noto. O desenvolvemento técnico da performance de OHN baséase na idea de capas. As capas que conforman esta arquitectura son dúas: A proxección de liñas e o son. As liñas superpoñen a translación dimensional. Ao unir os lunares con liñas, estes convértense en astros a través da proxección imaxinaria dos asterismos e conviven as dimensións minúsculas dos lunares do corpo coa dimensión maiúscula do espazo. O son serve para visualizar a interacción case invisible entre os diferentes elementos (lunares) para potenciar así o imaxinario do espectador cara a percepción dunha nova realidade cunhas novas relacións de comportamento descoñecidas. Esta acentuación da interacción vese reforzada pola proxección de círculos, ondas e colas que mudan de forma dependendo dos datos que o sistema capta desta interacción. Como colofón da actuación de OHN, o Dj lugués Dr. Think fará un remix de todo o material sonoro do concerto. Concerto de improvisación. A sexta edición do programa de arte sonora e electroacústica Sons Creativos chegará ao seu fin o vindeiro 5 de xuño coa celebración do concerto de improvisación libre ‘Quiosco aberto mundo urbano/mundo rural’, no que intervirán compoñentes do Grupo de Creación Sonora da USC (Gcsus), e que tamén está aberto á participación de todos/as aqueles/as artistas que, a partir do uso da tecnoloxía, traballan en músicas improvisadas e experimentación sonora.
As persoas interesadas en participar neste concerto de improvisación libre, que se desenvolverá o 5 de xuño, a partir das 20.30 horas, no quiosco da Praza Maior de Lugo, poden formalizar a súa inscrición ata as 14.00 horas do venres 30 de maio a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es)