Ir o contido principal

A oitava Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios actualizará o debate arredor da Sociedade da Información

Considerado o máis importante encontro especializado da Península Ibérica en materia de TIC, adopta un formato integramente virtual

‘O esquema Nacional de Seguridade’ é a conferencia que vai inaugurar o vindeiro luns 16 as sesións da oitava Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios (TechBusiness Week 2MIL9). A partir das 9:45 horas, a intervención impartiraa o xefe da área de Planificación e Explotación do Ministerio de Administracións Públicas, Miguel A. Amutio, e forma parte do bloque temático dedicado a ‘Seguridade, Bases de Datos e Programación’. Coa posta en marcha do proxecto do Esquema Nacional de Seguridade e Interoperabilidade, Miguel A. Amutio explicará como se procura a interacción do cidadán con todas as Administracións Públicas e destas entre si, rompendo desta forma, o actual illamento que existe entre moitas delas.
Como novidade fronte anteriores edicións a TechBusiness Week 2MIL9 vaise desenvolver de xeito integramente virtual, xa que relatores e asistentes terán na rede o seu punto de encontro. Para elo utilizaranse as máis avanzadas ferramentas de videocolaboración que explotan intensamente as posibilidades das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
O programa do luns continuará cun relatorio a cargo dun representante da empresa Symantec, ao que lle seguirá o presidente de Secuware, Carlos Jiménez, falando sobre ‘Innovación de seguridade’. O director de Alcatraz Solutions, Leopoldo Mallo, intervirá a continuación co relatorio ‘Implicacións do novo regulamento de medidas de seguridade na Lei Orgánica de Protección de Datos’, logo do que falará pechando a xornada matinal Alba Bonet, do departamento Legal de LOPDGEST.com, cun caso práctico no que se tratará a adaptación dunha administración pública de dunha gran empresa á Lei Orgánica de Protección de Datos co software estándar do mercado LOPDGEST.
Pola tarde, dende as 16:30 horas, o investigador do Departamento de Tratamento da Información e Codificación no CSIC Gonzalo Álvarez Marañón presentará a intervención ‘Protección de servidores web: máis alá da devasa de aplicación’. O colaborador en consultoría e formación de Nextvisión Ibérica, Manuel Palao será o seguinte en toma a palabra para reflexionar sobre o bo goberno nas tecnoloxías da información. Completará esta primeira xornada Chema Alonso, co relatorio ‘Metadata security’, e o xefe da oficina de investigación de VirusTotal, Ero Carrera, para facer unha diagnose do estado actual da industria do malware.
Prestixioso punto de encontroA oitava edición da TechBusiness vaise celebrar a vindeira semana, entre os días 16 e 19, organizada novamente en catro bloques temáticos nos que se atenderá a aspectos de Seguridade e Bases de Datos e Programación; Software libre; Mobilidade e Telecomunicacións; e Management e Sociedade da Información.
A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios é unha actividade promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo Foro e-Gallaecia, entidade do que a USC é socia fundadora e cuxa finalidade é o desenvolvemento da Sociedade da Información (SI). Ao longo das pasadas edicións, os contidos deste encontro internacional captaron dunha maneira evolutiva o interese e asistencia de tecnólogos, tanto directivos como técnicos, convertendo este foro tecnolóxico no punto de encontro máis prestixioso para a actualización anual de coñecementos neste eido. De feito, algúns profesionais das TIC consideran que este encontro é cualitativamente o máis importante da Península Ibérica neste eido.
Na presente edición, consolídanse as sesións tecnolóxicas (ás dedicadas a seguridades, programación, protección de datos, software libre, mobilidade e telecomunicación) así como as de carácter transversal (management e sociedade da información). Como xa sucedera nas anteriores edicións, as intervencións de 2009 correrán da man de destacados especialistas nas súas respectivas áreas, e entre os que se atopan Javier Pedreira ‘Wicho’, editor de Microsiervos, ou Emilio Ontiveros, reputado especialista internacional en temas relacionados coa Sociedade da Información. Ademais, Miguel A. Amutio, do Ministerio de Administracións Públicos presentará os esquemas nacionais de seguridade e de interoperabilidade da administración central.
Véñense sumar así á nómina de reputados especialistas que teñen pasado por este Semana Internaiconal como Marcelo D’Elia Branco, asesor da Presidencia da República de Brasil para a Sociedade da Información e impulsor do proxecto ‘Software Livre Brasil’; Mark Shuttleworth, sudafricano que se fixo multimillonario ao vender a súa tecnoloxía a Verisign e que empregou parte da súa fortuna en ser o segundo turista espacial da nave ‘Soyuz’; Enrique Dans, director da Área de Sistema se Tecnoloxías da Información do Instituto de Empresa; Jorge Valdano, ex futbolista e conferenciante sobre temas relacionados coa xestión empresarial; Piotr Sobolewski, especialista en sistemas informáticos de seguridade e creador da revista ‘Hakin9 Magazine’ e membro do grupo hakin9lab; Rudolh W. Giuliani, ex alcalde de Nova York; Rosa García, conselleira delegada de Microsoft Ibérica; ou Amparo Moraleda, presidenta de IBM para España e Portugal, entre moitos outros.
O programa presentado representa unha aposta por fornecer un punto de encontro entre a universidade, a administración e as empresas no ámbito da SI galega. Xunto esta finalidade, os obxectivos do congreso procuran conseguir o máximo impacto social a través da socialización do coñecemento; seguir sendo o aglutinador do debate intelectual de técnicos e directores de tecnoloxía; e promover o acceso ao coñecemento tecnolóxico de Galicia.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web da Semana (http://www.e-gallaecia.com/).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2009.