O oitavo encontro internacional da Sociedade Española de Probióticos e Prebióticos comezou en Medicina

A Sociedade Española de Probióticos e Prebióticos (SEPyP) comezou este xoves 23 o seu oitavo Workshop, dedicado ao tema ‘ Probióticos, prebióticos e saúde: evidencia científica’. Como explica a presidenta do comité organizador, a profesora Rosaura Leis, nos últimos anos distintas investigacións evidenciaron as repercusión que a microbiota e o desequilibrio da flora intestinal ten na saúde e a enfermidade xa dende as primeiras etapas da vida, deixando unha pegada metabólica e xogando un importante papel na proliferación e diferenciación do epitelio intestinal, así como no desenvolvemento e modulación do sistema inmunitario.
O reitor Juan Viaño presidiu a sesión inaugural desta xuntanza nun encontro no que tamén participaron a conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo; a concelleira do Concello de Santiago, Concepción Fernández Fernández; o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal Otero; o presidente da SEPyP, Guillermo Álvarez Calatayud; o patrón da Fundación Dieta Atlántica, Rafael Tojo Sierra; e a profesora Rosaura Leis Fidalgo.
Dende o inicio dos estudos do profesor da USC Rafael Tojo sobre o estado nutricional dos nenos e adolescentes de Galicia na década dos 70, “as patoloxías nutricionais teñen mudado dende o déficit de alimentos ao exceso”, ao tempo que “a adherencia á nosa dieta tradicional tamén ten diminuído, o que leva parellas a aparición de novas patoloxías”, explicou o reitor Juan Viaño no acto inaugural. Viaño chamou a atención sobre a importancia dos temas de debate deste encontro, “ estou convencido de que os debates nestas dúas xornadas na USC permitirán arroxar luz neste eido e servirán como punto de encontro de moitas especialidades para o desenvolvemento de traballos comúns en beneficio da alimentación, a nutrición e a saúde”.
A alteración da composición, metabolismo ou distribución da microbiota condiciona o sobrecrecemento de bacterias e fungos patóxenos e a perda da diversidade microbiana ou grupos de bacterias clave, explicou Rosaura Leis en relación á actualidade do encontro. Estas manifestacións tamén poden acompañarse dunha resposta inflamatoria do hóspede que pode cronificarse e, por ende, contribuír ao desenvolvemento de enfermidades que son hoxe a principal causa de morbilidade e mortalidade, enfermidades metabólicas, autoinmunes e neurodexenerativas así como alerxias, infeccións ou determinados tipos de cancro, en particular colorectal.
Este congreso ten carácter multidisciplinar e a vontade de ser foro de discusión e intercomunicación entre os distintos grupos de investigación neste campo, para o que participarán relatores/as nacionais e internacionais de grande experiencia profesional e recoñecemento científico.
Logo do acto inaugural comezou o programa científico coa conferencia de Martin J. Blaser, docente do New York University Langone Medical Center, ao que seguiu unha mesa redonda sobre o papel da microiota nas enfermidades infeccionsas así como unha sesión sobre usos clínicos. Xa pola tarde, o programa reanuda a súa actividade cunha serie de obradoiros paralelos sobre usos clínicos en persoas adultas así como na idade pediátrica, aspectos veterinarios e nutrición e dietética.
SEPyP
A SEPyP é unha organización científica sen ánimo de lucro dedicada ao fomento e difusión do coñecemento científico e a investigación, a aplicación clínica e a divulgación sobre a microbiota das rexións corporais, probióticos e prebióticos e o seu impacto na saúde. Conta na actualmente con máis de 700 socios científicos e o respaldo das principais empresas do sector.
De esquerda a dereita, Juan Gestal, Concepción Fernández, Juan Viaño, Rosa Quintana, Rosaura Leis, Rafael Tojo e Guillermo Álvarez. Foto: Servimav-USC A SEPyP conta con 700 socios científicos. Foto: Servimav-USC


